Máis de 140.000 persoas participaron na noite de San Juan na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello da Coruña informa dunha estimación de asistentes á noite de San Juan de máis de 140.000 persoas nas praias, o paseo marítimo e a explanada do Pazo dos Deportes de Riazor. O Goberno municipal destaca a grande acollida que tiveron todas as actividades programadas coa colaboración da Comisión de Cacharelas de San Juan, que conformaron o cartel máis completo da historia da cidade.

A área de Seguridade Ciudadana destaca, ademais, que o balance do dispositivo de San Juan 2013 foi positivo grazas ao civismo e a colaboración cidadá. O departamento que dirixe Julio Flores tamén agradece de xeito especial a colaboración de todo o dispositivo de seguridade que se programou con motivo das cacharelas de San Juan. Os principais datos deste dispositivo son:

– As praias de Riazor e Orzán pecháronse hoxe ás 05.30 horas. Arredor das 06.00 horas, cortáronse os accesos aos areais e ningunha persoa quedaba xa na zona, o que permitiu poñer en marcha o dispositivo de limpeza. Finalizada a festa, Riazor púidose reabrir entre as 10.00 e as 10.30 horas, mentres que a limpeza do Orzán concluíu este mediodía.

– Cruz Vermella atendeu a 148 persoas, unha media similar á do ano pasado. Das 148 persoas atendidas, 125 pasaron polo hospital de campaña (36 presentaban queimaduras), mentres que 23 foron aos postos de salvamento (12 en Riazor e 11 no Orzán). Por tipo de incidencias, as máis destacadas durante esta noite foron:

– 85 queimaduras: 44 homes (3 foron trasladados) e 41 mulleres.

– 36 intoxicacións etílicas: 27 homes e 9 mulleres. Foi preciso o traslado sanitario de 9 homes e 3 mulleres.

– 11 persoas tiveron que ser atendidas por golpes, danos nos ollos… En concreto, 4 homes e 7 mulleres. Só no caso dun home e dunha muller foi necesario o seu traslado.

– 3 agresións.

– A Policía Local e a Policía Nacional mantiveron un dispositivo de prevención e de seguridade tanto na zona das praias coma no resto da cidade.

– Os Bombeiros inspeccionaron cacharelas nas praias e nos barrios. Realizaron un total de 10 intervencións, aínda que ningunha de gravidade. En total, autorizáronse máis de 1.000 cacharelas na cidade. Protección Civil, que colaborou neste dispositivo especial da noite de San Juan, efectuou 50 intervencións de apoio para garantir a seguridade dos cidadáns.

O Concello destaca que as incidencias, tanto as de tipo sanitario coma as de seguridade, non foron graves, polo que o balance é positivo, e máis se se ten en conta a grande afluencia de público desta edición, con máis de 140.000 persoas nas praias, o paseo marítimo e a explanada do Pazo dos Deportes de Riazor.

DISPOSITIVO

En dous anos, o Goberno municipal duplicou o número de persoas e os recursos materiais ao servizo dos cidadáns na noite de San Juan. Nesta edición, o dispositivo incluíu postos de primeiros auxilios con hospitais de campaña, ambulancias, persoal de Protección Civil e Cruz Vermella, vehículos de Bombeiros e patrullas móbiles da Policía Local.

En total, 372 efectivos formaron parte do dispositivo, 98 máis que o ano anterior. Ademais, incrementáronse os medios de seguridade e atención de emerxencias, que incluíron 2 hospitais de campaña 1 posto sanitario de Protección Civil na zona do Orzán, 2 postos do servizo de socorrismo de praias, 2 postos de atención sanitaria inicial de Cruz Vermella (un en cada praia), 10 ambulancias atendidas por Protección Civil, Cruz Vermella e o 061; 8 vehículos de Bombeiros e patrullas móbiles da Policía Local e da Policía Nacional.

Tamén se organizou outro dispositivo centrado nos labores de seguridade e emerxencias, onde participaron 119 policías locais (76 na quenda de noite e 43 no de mañá), 40 policías nacionais (o dobre que o ano pasado), 40 bombeiros (incluíndo a nova Unidade de Rescate en Litoral), 31 membros de Protección Civil, 6 do Servizo de Socorrismo (incluíndo 1 médico e 1 DUE) e 43 persoas de Cruz Vermella (6 máis que o ano pasado, incluíndo 1 médico e un DUE).

O alcalde, Carlos Negreira, agradece o esforzo e o traballo realizado por todos os axentes da Policía Local, do Corpo Nacional de Policía e de Bombeiros, así como o labor dos profesionais e voluntarios de Protección Civil e de Cruz Vermella, aos voluntarios, ao persoal de seguridade privada, do servizo de socorrismo e ao persoal que realiza durante a xornada de hoxe os labores de limpeza de praias.

LIMPEZA

Á espera dun balance final do servizo de limpeza dos areais, o Concello quere destacar o éxito da campaña de reciclaxe San Juan: espírito sostible, organizado pola Concellaría de Medio nas praias de Riazor e Orzán para premiar os cidadáns que colaboraron coa limpeza dos areais, o que permitiu promover unha noite de San Juan máis sostible, máis cívica e máis limpa, fomentando a reciclaxe e a recollida de residuos nos areais.

En total, participaron ao redor de 12.000 persoas nesta iniciativa pioneira do Concello, o que permitiu recoller preto de 4 toneladas de lixo -os colectores enchéronse ao 85%-. Os 12.000 boletos entregados entrarán hoxe no sorteo de 15 viaxes para dúas persoas a diversos destinos nacionais e internacionais. En concreto, son tres voos a Ámsterdan, Roma e Bruxelas (un a cada destino); dous a Mallorca, dous a Tenerife e 8 a Madrid. O sorteo realizarase hoxe ás 20.00 horas na praza de María Pita, coincidindo co final das actividades infantís programadas con motivo das festas de San Juan.

A Concellaría de Medio tamén organizou para esta edición de San Juan unha experiencia piloto coa repartición de 1 tonelada de piñas e 25 toneladas de madeira limpa para evitar restos cortantes ou punzantes na praia ademais da emisión de posibles elementos contaminantes á atmosfera pola combustión de substancias como pinturas ou vernices. A repartición destas 25 toneladas foi todo un éxito, posto que a madeira rematara en apenas unha hora.

24 de xuño de 2013 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.