Gondomar amence cuberto de flores para celebrar o Corpus

Alfombra floral
Gondomar volveu ser fiel a unha das súas tradicións máis arraigadas, a celebración do Corpus Christi, amencendo este domingo cuberta de alfombras florais confeccionadas durante toda a noite polos propios veciños. En total foron 700, os metros cadrados cubertos por estes mantos florais.
Motivos xeométricos, florais, infantís (elaborados polos propios rapaces e rapazas), relixiosos (coma o escudo do Vaticano)…. A realización dos tapices florais en Gondomar conta cunha tradición de antigüidade semellante a doutros concellos da contorna. Sen embargo, o Corpus Christi da vila condal, presenta unha particularidade que a diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, un tapiz floral que cobre cada un dos 40 banzos que a compoñen, tanto na súa parte horizontal como na vertical, adherindo nesta pétalos e follas, facendo que a súa confección sexa moito máis complexa.
Procesión ata o Concello
A procesión tivo lugar ás 12:45 na Igrexa de San Bieito, logo da solemne misa de Corpus Christi.
A comitiva partiu da escalinata de San Bieito, e percorreu a Alameda, as rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz para deterse no Concello. O regreso á igrexa de San Bieito discorreu por Párroco Mariño, rúa engadida este ano.
O acto contou co acompañamento da Agrupación Musical de Vincios.
Semanas de traballo e participación veciñal
Durante un mes, aproximadamente, os distintos grupos de traballo reuníronse na carpa situada na Alameda do municipio e nos distintos Centros Culturais das parroquias co obxectivo de coordinar os traballos de elaboración destas tradicionais alfombras. Como novidade este ano, aos grupos de traballo de Gondomar sumáronse as parroquias de Chaín, Vincios, Mañufe e Peitieiros, que volveron participar nesta tradición, xunto co Grupo de Gaitas Novos Aires de Couso.
Tras duras semanas de traballo, a xornada do sábado poñía punto e final a todos eses preparativos e daba comezo á verdadeira confección dos mantos. Desde as cinco da tarde, e ata ben entrada a madrugada, centos de veciños déronse cita para poñerse mans á obra e trasladar ás rúas do municipio os deseños dos tapices. Para que o traballo resultase menos duro, o Concello puxo música ambiental nestes puntos, co obxectivo de amenizar a xornada aos alfombristas.
Ignacio Troncoso, concelleiro de Cultura, agradece a enorme participación deste ano. “Podo afirmar que este ano a participación no Corpus triplicouse con respecto ao pasado. Andaremos preto de 600 persoas traballando para sacar adiante a festividades”
A escaseza de flores, debido as abundantes choivas desta primavera, levou a que moitos veciños manifestasen a súa preocupación, xa que, as flores constitúen o elemento fundamental nas composicións destas alfombras. A pouca cantidade de flores podería causar problemas á hora de confeccionar as alfombras.
Neste senso, a colaboración cidadá foi de vital importancia. Veciños de toda a comarca do Val Miñor volcáronse con esta tradición e doaron centos de flores para que Gondomar se enchese de cor esta mañá.
Troncoso, mostrouse moi satisfeito e agradecido con todas as persoas que colaboraron e achegaron as súas flores para que as agrupacións puidesen sacar adiante os seus traballos.
Colaboración do Concello
O Concello de Gondomar aposta fortemente por esta tradición que cada ano congrega a máis xente neste municipio.
Como xa acontecera o pasado ano, o Concello colaborou co material, persoal e efectivos necesarios para a posta en marcha do Corpus, tanto nos días previos como nas actuacións que se levarán a cabo tras a procesión.
Durante as semanas de traballo, a concellaría de Vías e Obras contribuíu á recolecta da flor, imprescindible para a elaboración destes mantos florais.
Na tarde do venres, Fernando Guitián, alcalde do municipio xunto ao concelleiro de Cultura, Ignacio Troncoso e a concelleira de Igualdade, Patricia Durán, visitaron os lugares de reunión das distintas agrupacións. En concreto, achegáronse ata a carpa da Alameda, o barrio de Caside e os centros culturais das parroquias de Couso, Peitieiros, Chaín, Vincios e Mañufe; ademais das zonas onde se estaban esfollando as flores.
Tras a procesión, desde a concellaría de Medio Ambiente e Servizos en colaboración coa brigada de recollida de lixo, levarase a cabo unha xornada de limpeza extraordinaria que comezará ás 15.00 horas e permitirá ter as rúas totalmente limpas o propio domingo.
Esta actuación permitirá ter as rúas totalmente limpas o propio domingo e evitar así posibles situacións de perigo para vehículos e transeúntes, xa que o material de confección das alfombras é moi escorregadizo.











