Goberno e sindicatos alcanzan un acordo no eido da negociación global das condicións de traballo do persoal municipal
O concelleiro de Recursos Humanos, Alejandro Langtry Caínzos, avanzou o acordo alcanzado entre o Goberno municipal e os representantes dos traballadores no marco da mesa de negociación celebrada esta mañá. Entre os asuntos incluídos na orde do día se atopaban cuestións como a adaptación das diferentes xornadas existentes á normativa legal vixente, as quendas e horarios do persoal ou a Oferta de Emprego Público para 2013. Neste sentido, o responsable de RR.HH da Administración ferrolá destacaba hoxe a boa vontade amosada polos sindicatos para alcanzar un acordo e sinalaba que as medidas hoxe aprobadas permitirán “mellorar de xeito substancial as condicións de traballo de todo o persoal no marco duns parámetros de eficacia e eficiencia”.
Así as cousas, hoxe se aprobou a proposta relativa ás condicións xerais que han de rexer os diferentes horarios especiais, así como o denominado “Horario de Verán” e as pontes. Unha proposta que contou co respaldo maioritario dos representantes dos traballadores e que na práctiva vai supor a reducción do horario durante a época estival en 1 hora 10 minutos dende o 1 de xuño e até o 30 de setembro. No caso das pontes estas pasarán de 4 a 2 ao ano, co fin de garantir a apertura y normal funcionamento do Concello durante este tempo ao quedar a metade dos traballadores. Estas reducións serán en todo caso recuperables ao longo do ano.
Outro dos acordos adoptados esta mañá ten que ver coas diferentes condicións laborais específicas de policía, bombeiros, persoal da Casa de Acollida, cemiterio e grúa, de maneira que quedaría unicamente pendente a aprobación das propostas de distribución dos horarios que, segundo as condicións aprobadas hoxe, elaborarán as xefaturas correspondentes e serán tratadas en mesa de negociación. Así mesmo, tamén se acordaban os criterios para o reparto das productividades, que será aprobado polo Pleno da corporación. Criterios que deberán de contemplar circunstancias obxectivas relacionadas directamente co desempeño do posto de traballo e obxectivos asignados.
OPE 2013
Finalmente, o Goberno municipal e os representantes dos traballadores acordaban aprobar a Oferta de Emprego Público para o ano 2013 e que virá a supor un incremento do plantel da Policía Municipal. Así se acordou sacar a concurso as seguintes prazas:
1 inspector principal
1 inspector
1 oficial
2 policías
Todas elas serán por promoción interna salvo o 25%, que a lei obriga a que sexa por mobilidade.











