Francisco Narla presenta en Gondomar “Assur. Una epopeya vikinga en la Reconquista”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

O Centro Neural de Gondomar acolleu, o pasado mércores, a presentación da novela Assur. Una epopeya vikinga en la Reconquista, de Francisco Narla. A obra é unha novela de aventuras de corte histórico na que se narran as incursións viquingas que asolaron as costas galegas no século X. Ademais de estar enchida de aventuras, a obra tamén conta cunha rigorosa documentación histórica.

Arredor das súas 1.000 páxinas nárranse as aventuras de Assur, un rapaz que vive as incursións viquingas no ano 968 e que é aprisionado polos invasores que arrasan o seu pobo. Xunto aos nórdicos vivirá todo tipo de peripecias en terras afastadas.

Dende que Assur chegou ás librarías españolas en xuño do pasado 2012 foron moito os éxitos obtidos. Dous meses despois da súa publicación foi galardoada como ‘Mellor obra literaria do ano’ pola organización do prestixioso festival Imagina Málaga ademais de conseguir alcanzar o número un nas listas de vendas da Feira do Libro da Coruña do ano 2012 e en Círculo de Lectores.

O acto foi organizado pola libraría Libraida, en colaboración co Concello de Gondomar e a editorial Temas de Hoy.

Francisco Narla

O escritor lucense conta cunha variada produción literaria. Publicou novela, relatos, poesía, ensaios técnicos e artigos, estes últimos relacionados fundamentalmente coa súa profesión, pero tamén coas súas afeccións e filias.

En 2009 publica a súa primeira novela, Los lobos del centeno, tras cuxo éxito en España é editada en México para toda Latinoamérica. Caja negra, a súa segunda obra de ficción, ve a luz en novembro de 2010. E inicia 2012 publicando un tratado de aerodinámica, Canon de performance: masa y centrado, y planificación de vuelo.

Polifacético onde os haxa, Francisco Narla exerce tamén como orador. Así, participou en diferentes foros, como centros universitarios ou programas de raio e televisión (Cuarto milenio, El guardián de la noche ou Milenio).

21 de xuño de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.