Francisco Mourelo presenta o Festival EN DIRECTO!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, acompañado polo responsable dos locais de ensaio, Christian Beade, presentou esta mañá o IV Festival Solidario En DIRECTO!, que se celebrará os días 28 e 29 de xuño na Sala Túnel e que contará coa participación de Tonhito de Poi e Bastards on Parade que liderarán a 10 dos grupos que utilizan de forma habitual os locais de ensaio.

“Trátase dun evento que pretende visibilizar o traballo que, durante todo o ano, veñen realizando estes artistas noveis da cidade e unha oportunidade para que se coñeza a súa música”, destacou Mourelo, quen informou de que dende finais de 2012 pasaron 42 grupos e 152 músicos dos que o 60% son menores de 20 anos. “Dende a área de Xuventude apostamos por poñer a disposición dos máis novos todas as ferramentas ao noso alcance para que desenvolvan o seu talento e a súa creatividade e os locais de ensaio son un claro exemplo”, afirmou e engadiu que ademais de ofrecer un espazo para ensaiar, durante este tempo, organizáronse concertos e festivais, realizáronse máis de 12 accións formativas e establecéronse proxectos de colaboración con marcas de instrumentos e promotoras, ademais de poñer en marcha o programa Saúde Musical cos colexios de Fisioterapeutas de Galicia e de Logopedas e o Centro Gaes.

Neste sentido, ademais do festival, celebrarase ADQUIRE+, un espazo para a formación, interacción e adquisición de coñecementos entre mozos músicos e artistas de referencia. En concreto haberá masterclass a cargo de Yoel Páez, Fran Rodríguez e José Rubio. Rec Label ofrecerá un taller de remixes e os participantes poderán gozar de encontros con Tonhito de Poi e Bastards on Parade.

Os concertos celebraranse de 21.00 a 02.00 horas. A primeira xornada contará coa participación de Tonhito de Poi, Almakoa, The Aerial Root, Jules and the wolf, After All e The Zipper. O segundo día actuarán: Bastards on Parade, Truth or consequence, Last shot, Breathing Loud, Fanding Memories, Man city blue.

As entradas, que teñen un prezo de 4 euros por día ou 6 euros se compra aboamento para os dous, xa están á venda na Praza de Ourense. Tamén se poderán adquirir o día do concerto no despacho do Coliseum. Ademais habilitarase un punto de recollida de alimentos a favor da Cociña Económica.

20 de xuño de 2013 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.