Frades celebra o anuncio da licitación das obras de mellora do firme da estrada AC-524 Ordes-Lanzá por parte da xunta
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, celebra o anuncio da licitación das obras de mellora do firme da estrada AC-524 Ordes-Lanzá, realizado hoxe pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O departamento dirixido por Agustín Hernández explica que realizará un fresado naquelas zonas onde se constatou a presenza de microroturas puntuais e deformacións; e que estenderá unha capa de mestura bituminosa no treito comprendido entre os PK 6+540 e 7+275.
Unhas obras que contan cun prazo de execución de 6 meses e que beneficiarán directamente aos milleiros de persoas que utilizan a diario esta estrada, que só no tramo entre Ordes e o enlace a autoestrada rexistra unha intensidade media de tráfico de 3.280 vehículos. Roberto Rey agradece que “a actuación máis importante teña lugar na parroquia de Abellá, na contorna do Peñasco e de Ansemonde, onde o firme está máis deteriorado”.
Compromiso da Xunta
O alcalde de Frades destaca tamén o cumprimento da palabra dada polo conselleiro de Medio Ambiente aos alcaldes de Frades, Ordes e Mesía nunha reunión celebrada o pasado 19 de abril. Un encontro no que os tres alcaldes lle transmitiron a malas condicións nas que se atopaba esta estrada e no que Agustín Hernández se comprometera a sacar a licitación das obras antes do verán.
O arranxo da AC-524 Ordes-Lanzá licitarase canda outros dous proxectos (AC-523 Meirama- Culleredo e AC-522 A Coruña – Cee) por un importe económico de máis de 475.000 euros, que permitirán mellorar a seguridade vial destas estradas e proporcionar comodidade na conducións aos usuarios.
A estrada AC-524, cunha lonxitude total de 19,8 quilómetros, discorre polos concellos de Ordes, Frades e Mesía e está incluída na categoría de Primaria Básica unindo a estrada N-550 coa estrada N-634 (o que supón que cada día pasan por ela un gran número de vehículos pesados procedentes dos polígonos industriais de Ordes e Cerceda). Ademais, tamén conecta coa autoestrada AP9 no punto quilométrico 4+08. Ademais, esta zona caracterízase por ter un tráfico mixto, pois canda os vehículos pesados tamén circulan vehículos e maquinaria dedicada a labores agrícolas, polo que un mal estado do firme pode ocasionar situacións de risco para os condutores.
Esta non será a primeira actuación importante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na estrada AC-524. Entre 2010 e 2011, este departamento investiu 416.000 euros na mellora da seguridade viaria na travesía de Abellá, onde se construíron 2,2 quilómetros de beirarrúas que garanten a seguridade dos veciños e veciñas desta parroquia fradense.











