Flores destaca que Protección Civil duplicou o número de voluntarios e os operativos realizados en 2012

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Doazón da ambulancia a Protección Civil

Doazón da ambulancia a Protección Civil

O Tenente de Alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, presentou a Memoria anual de 2012 de Protección Civil, na que destaca o incremento de actividade ao duplicar o número de operativo e de voluntarios, triplicar as horas de formación e aumentar nun 50% o número de informes realizados. “Quero agradecer aos voluntarios o seu labor altruísta de servizo aos cidadáns e destacar que en 2012 se reuniu por primeira vez en 28 anos a Xunta Local de Protección Civil para mellorar a coordinación, a prevención e a resposta ante situacións de emerxencia”, sinalou.

Flores destacou que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) duplicou o número de voluntarios, ao pasar de 47 en 2011 a 93 en 2012, con idades que oscilan entre os 16 e os 76 anos, “o que permitiu incrementar a súa presenza en distintos servizos preventivos e ofrecer unha mellor resposta ante situación de emerxencia”. “Na actualidade estase a rematar de elaborar un novo regulamento que será levado para o seu debate e aprobación ao Pleno municipal e permitirá que se leven a cabo eleccións á Xunta Directiva”, recalcou.

O concelleiro sinalou que se desenvolveron 235 operativos, un 84% máis que en 2011, o que supuxo 2.175 servizos individualizados e 1.321 horas de traballo. Os meses máis activos foron os de xullo e agosto ao concentrar o 28% dos servizos, destacando que se triplicaron os operativos relacionados con eventos deportivos ou por alertas meteorolóxicas e se incrementou nun 33% os relacionados con concertos. “Destaca a súa participación no rescate do Orzán en labores de busca, atención ás familias, loxística e comunicacións; na Noite de San Juan e en numerosos eventos deportivos e culturais, como a regata Regata de Grandes Veleiros,” afirmou Flores, quen engadiu: “En 2012 ano adquiríronse novos equipos de radiocomunicacións dixitais para mellorar a coordinación coa Policía Local e Bombeiros”.

Flores recordou que tamén se potenciou a formación ao terse realizado 480 horas de formación -o triplo que o ano anterior- nas que participaron 168 alumnos -case o dobre de participantes que en 2011-. En 2012 fíxose un esforzo para dispoñer de voluntarios mellor formados e o resultado é que todos realizaron o curso básico de formación, un terzo ten o permiso de conducir con habilitación para vehículos de emerxencia, o 13% ten a Autorización de Patrón de Navegación básico e un 12% son socorristas acuáticos.

NOVAS INSTALACIÓNS

Flores sinalou que en 2012 se procedeu á adecuación dunhas novas instalacións para o Servizo Municipal e para a AVPC no Coliseum e adaptáronse as instalacións da Dársena de Oza para o material e medios acuáticos. “O servizo municipal, os voluntarios, o Grupo de Intervención de Protección Civil e o equipo de apoio técnico traballan nun mesmo espazo e dispoñen de máis superficie e mellores condicións. Agora temos o obxectivo de habilitar un novo espazo no Coliseum para albergar unha nova base permanente dos voluntarios para prestar servizo 24 horas en caso de que sexa necesario”, afirmou.

Flores tamén destacou o aumento da realización de informes técnicos, debido á contratación de dous técnicos, un delineante e 6 oficiais de Protección Civil grazas á colaboración da Xunta de Galicia, que participou activamente en situacións de alerta meteorolóxica. “Realizáronse 49 informes, un 50% máis que en 2011, entre redacción e revisión de plans de autoprotección e sobre simulacros ou accesibilidade, entre outros,” sinalou o edil.

Ademais, Flores recordou que se realizaron, en colaboración coa Policía Local, 31 actividades informativas en colexios nas que participaron 846 alumnos e 2 cursos de formación en plans de autoprotección para 45 traballadores municipais: “En total, 33 actividades con 931 asistentes máis 11 actuacións en simulacros, entre eles en escolas infantís, colexios, empresas e o aeroporto de Alvedro”.

SOCORRISMO

Flores sinalou que se mellorou o Servizo de Socorrismo en praias, incrementado o persoal e os medios, o que permitiu cubrir todas as praias cos mesmos horarios, ampliar o número de días do servizo e reducir as incidencias. Dende o 15 de xuño ata o 20 de setembro atendéronse 1.066 incidencias, das cales o 98% o foron de carácter leve, debido ao traballo de prevención a pé de praia e con indicacións a través da megafonía que levaron a cabo os propios socorristas. Tamén hai que destacar a boa acollida da decisión de unificar os horarios do Servizo de Socorrismo, que atenderon as incidencias dende as 11.00 ás 21.00 horas nos areais de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, San Amaro, Santa Cristina e Oza”, afirmou.

Neste sentido, o servizo de socorrismo, formado por un equipo de 58 persoas, contou por primeira vez cun médico e un DUE, e con persoal de salvamento e socorrismo durante toda a noite de San Juan. Outra novidade que tamén tivo moi boa acollida foi a repartición de 250 pulseiras entre os nenos e nenas para facilitar a súa identificación en caso de que se extraviasen nas praias. “Desenvolveuse un servizo máis flexible, axustándose ás condicións meteorolóxicas e ás necesidades reais dos bañistas,” finalizou Flores.

NOVA AMBULANCIA

Por outra parte, Julio Flores asistiu esta mañá ao acto de doazón dunha ambulancia a Protección Civil, por parte da Deputación Provincial da Coruña. A nova ambulancia, de última xeración, permitirá que a agrupación de voluntarios, integrada por un centenar de persoas, dea cobertura a todos os grandes eventos que se realicen na cidade e, polo tanto, un mellor servizo aos coruñeses.

Trátase dun vehículo lixeiro e áxil, de doado manexo e mobilidade, xa que as súas paredes son de ABS, que é un material lixeiro hidrófugo e ignífugo, con reforzos antixiro. Destaca o deseño interior, moderno e funcional, para o desenvolvemento do traballo dos sanitarios. O teito interior da zona asistencial presenta unha nova distribución de elementos, que permite unha mellor mobilidade do persoal asistencial. A súa estética actual, responde a normativas europeas, e contribúe a unha alta visibilidade.

7 de xuño de 2013 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.