Ferrol propón a adxudicación do proxecto básico e de execución do novo centro cívico, atención á infancia e centro de día de Canido
O concelleiro responsable de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, informou que na última reunión da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol, celebrada o pasado venres, emitiuse a proposta de adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución do novo Centro Cívico de Canido, que tamén funcionará como centro de atención a menores e centro de Día para persoas maiores. Así, os técnicos municipais que forman parte deste organismo de Contratación da Administración ferrolá decidiron propoñer a Iglesias Arquitectos S.L.P para levar a cabo a redacción do proxecto para a construción deste equipamento, incluíndo no mesmo o estudo de seguridade e saúde, a dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde.
No que atinxe ao orzamento de licitación do contrato, este ascende a 56.065 euros (sen IVE); e o prazo no que deberá estar rematado o proxecto é de 3 meses a contar a partir da firma do contrato. Previamente, e unha vez que a Mesa de Contratación ten feita a súa proposta, o seguinte paso será ratificala por parte da Xunta de Goberno Local.
Este Centro Cívico, para a Infancia e para as Persoas Maiores é un compromiso asumido polo Goberno Municipal, que o propio alcalde da cidade reiterou perante aos veciños e veciñas de Canido o pasado mes de abril durante a visita a esta zona de Ferrol con motivo do Plan de Barrios. No seu recorrido por Canido, Rey Varela e os representantes veciñais, xunto co titular de Urbanismo, visitaron, entre outros puntos do barrio, a parcela na que se construirá este equipamento social: Ao redor de 850 metros cadrados para usos de centro cívico, para nenos e para persoas maiores situados na rúa Pérez Paralle. O investimento previsto polo Concello de Ferrol para levar a cabo as obras deste inmoble ascende a 1,1 millóns de euros, e o seu financiamento procederá de fondos europeos do Plan Urban.











