Ferrol formaliza os convenios con Lazos e Érguete para a información, prevención e inserción de persoas con adición á droga
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro, vén de formalizar dous convenios de colaboración coas asociacións Érguete Ferrol e Lazos Pro Solidariedade, por un montante conxunto de 5.000 euros. Dos cales, 3.000 euros correspóndense coa achega municipal a Lazos e os 2.000 restantes a Érguete. Estas dúas asociacións centran o seu ámbito de intervención na información, sensibilización e prevención do consumo de drogas. E nesta liña, cómpre sinalar que tanto Érguete como Lazos son dúas das entidades sociais, veciñais, culturais e deportivas de Ferrol que apoian a campaña Panos Brancos contra a Droga do Concello de Ferrol e da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
No que atinxe á entidade Érguete Ferrol, o acordo de cooperación permitirá a realización do proxecto “Incorporación Social de persoas afectadas pola problemática das drogas”. O obxecto do convenio é establecer accións coordinadas co fin de reducir, na medida do posible, a problemática ocasionada polo consumo de alcohol e outras drogas na cidade de Ferrol mediante a realización de diferentes actividades do proxecto de incorporación social como un curso de artesanía de coiro, entre outros obradoiros e accións formativas.
Pola súa banda, a sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Lazos Pro Solidariedade permitirá realizar o proxecto “Prevención do VIH en mozos/as de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Formación e Avaliación”. Este acordo de cooperación ten por obxecto a sensibilización e formación para previr novas infeccións polo VIH na poboación que cursa 3º e 4º da ESO de Ferrolterra, dotándoos de ferramentas persoais e colectivas que favorezan condutas responsables cara unha sexualidade consciente e segura. De maneira máis específica, buscarase promover e favorecer o acceso á información veraz e adaptada as necesidades dos mozos e mozas, en relación á infección polo VIH e outras ITS; dinamizar dunha forma práctica o coñecemento adquirido sobre as o VIH, as ITS e os embarazos non desexados; crear e implantar unha ferramenta de consulta nas redes socias de internet que permita solucionar as dúbidas relacionadas co VIH.
Ao respecto destes dous novos acordos que ven de oficializar a Administración ferrolácon Érguete e Lazos, a titular de Benestar Social manifestou que “a vontade do Goberno Municipal é procurar a normalización, coñecemento e integración social das persoas trastornos aditivos así como contribuír a mellorar as condicións destes colectivos que teñen unha especial vulnerabilidade”.
Campaña Panos Brancos
A firma destes dous convenios de colaboración coas Asociacións Érguete Ferrol e Lazos Pro Solidariedade coincide co desenvolvemento da campaña Panos Brancos contra a droga, que impulsa a Fundación Galega contra o Narcotráfico en colaboración co Concello de Ferrol A cidade naval, sede da oitava edición desta campaña, acollerá pasadomañá sábado unha serie de actos que servirán, ademais, para conmemorar o Día Internacional contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas instaurado en todo o mundo por Nacións Unidas o día 26 de xuño.
Así, os actos centrais comezará ás 12:00 horas na praza de Armas coa lectura do Manifesto Panos Brancos 2013, ao que seguirá a Marcha da Bandeira Branca contra a droga na que representantes de toda a sociedade galega e ferrolán portarán o pano ata a praza de Amboage en compañía de todos os asistentes. Unha vez na praza, terán lugar diferentes intervencións artísticas e musicais. A conmemoración rematará cunha solto de globos en Amboage. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, participará nesta celebración.











