Ferrol dótase dun plan de inspección urbanística que mellorará a calidade e a eficacia na vixilancia do cumplimento da legalidade
O Concello de Ferrol dótase dun Plan de Inspección Urbanística propio do que até hoxe carecía e que permitirá regular de maneira ordenada e atendendo a determinadas prioridades os traballos de supervisión de obras. Así o anunciou hoxe o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, quen sinalou que este plan ten por obxecto “mellorar a calidade e a eficacia na vixilancia do cumprimento da legalidade urbanística, previndo e combatendo a comisión de infraccións urbanísticas e velando pola maior seguridade das persoas”.
Ao respecto, Evia Pérez explicou que o documento fixa unha orde de prioridades de inspección atendendo a cuestións como: o volume das obras ou natureza da actividade que se desenvolva e ás molestias que poidan ocasionar aos cidadáns, á agresión da obra ou actividade sobre o medio físico ou á protección cultural ou medioambiental do espazo e/ou inmobles sobre os que se actúe. Neste sentido, o plan recolle até nove graos de prioridade que van dende a execución de ordes xudiciais nas que se estableza un prazo perentorio até obras menores, pasando por expedientes de ruína ou obras maiores de edificación de nova planta, etc. Así mesmo, dáse preferencia en canto a vixilancia e supervisión a aquelas intervencións que se desenvolvan no ámbito da Magdalena, Ferrol Vello, A Graña, Esteiro Vello e San Felipe; así como en inmobles catalogados polo planeamento urbanístico. Deste xeito, ponse un maior celo no control de actuacións nestas zonas da cidade por mor do valor histórico, artístico e a singularidade das mesmas.
Por último, o titular de Urbanismo detallou que o Plan de Inspección regula a tramitación de expedientes de execución forzosa, execución subsidiaria e expedientes de sanción, así como a comunicación ao Ministerio Fiscal no suposto en que os feitos obxecto de inspección urbanística poidan ser constitutivos de delito urbanístico.











