Ferrol cotexa os datos do padrón de 2013 e 2004 do barrio de Recimil para elaborar un plan de resolución á problemática da zona
O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, deu conta da comisión informativa celebrada esta mañá da entrega por parte da Policía Local dos informes individuais relativos aos residentes do barrio de Recimil que foron encargados a modo de censo. O edil aclarou que “faltan ao redor de 50 vivendas por informar que esperamos recibir en próximos días, polo que contamos con finalizar a finais do mes de xuño o traballo de cotexo”.
O departamento municipal de Patrimonio xa comezou onte a traballar na elaboración do padrón actualizado introducindo as cifras obtidas na base de datos elaborada polos servizos informáticos municipais. O primeiro traballo, xa posto en marcha, consiste en unir nun mesmo expediente os informes de dito padrón xunto ao realizado en 2004, tamén realizado polos axentes municipais. Desta maneira, ámbolos datos permitirán observar a evolución e variación durante estes nove anos acontecidas no barrio de Recimil, polo que permitirá ao Goberno Municipal elaborar unha proposta para a resolución da problemática de dito barrio. “Con isto conseguiremos unha mellor convivencia e regulación na zona”, dixo o edil de Economía.
As catro casuísticas máis habituais atopados en Recimil son: a persoa residente na vivenda é a titular do contrato, polo que todo estaría de maneira regular; residentes durante anos pero sen contrato ao exceder o tope de subrogacións; persoas con contrato pero non residentes na vivenda; e os residentes en situación irregular, sen ningún tipo de contrato. Langtry Caínzos sinalou que todas as denuncias recibidas por ocupación irregular se están a trasladar ao Xulgado. “A única maneira de ocupación regular, a día de hoxe, é a través da lista que ten os servizos sociais”, aclarou o responsable municipal.











