Ferrol acollerá a VIII Campaña de sensibilización social “Panos brancos” con motivo do Día Internacional contra a Droga
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá a oitava edición da campaña de sensibilización social “Panos Brancos contra a droga”, que se desenvolverá o vindeiro día 29 na cidade naval con motivo do Día Internacional contra a Droga, que se conmemora oficialmente o 26 de xuño. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polo presidente da Fundación Galega de Loita Contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro;; a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro; o presidente do Racing Club Ferrol, Isidro Silveira; e representantes de diferentes entidades sociais como Lazos, Asfedro, Érguete Ferrol e Proxecto Home.
Na súa intervención, o rexedor municipal quixo agradecer o traballo constante da Fundación Galega Contra o Narcotráfico e das entidades sociais. “Agradezo que se elixira a nosa cidade para celebrar a oitava edición desta iniciativa de Panos Brancos, un bo exemplo na loita contra a droga e a sensibilización social”, dixo. Os actos centrais da campaña “Panos Brancos”, organizada pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico en colaboración co Concello de Ferrol, celebraranse o vindeiro sábado 29 a partir das 12:00 horas na Praza de Armas situada fronte o Pazo Municipal. A conmemoración do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico de drogas comezará coa lectura do Manifesto Panos Brancos 2013 seguido da marcha da bandeira branca contra a droga na que representantes de toda a sociedade galega e ferrolán portarán o pano ata a praza de Amboage en compañía de todos os asistentes. Unha vez na praza, terán lugar diferentes intervencións artísticas e musicais como un flashmob. Así, os actos conmemorativos serán clausurados polo primeiro edil da cidade, Jose Manuel Rey Varela, para a continuación realizar unha solta de globos brancos contra a droga.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Galega de Loita Contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol e “a súa gran acollida a esta iniciativa”. Con respecto a esta campaña de sensibilización social, explicou que se trata de representar de maneira simbólica e visual, a través do pano branco, a aposta por “unha vida saudable, libre de adicción, drogas e narcotráfico para subliñar o compromiso persoal dos representantes da sociedade ferrolán que portarán a bandeira”.











