Ferrol abre mañá o prazo de inscrición do obradoiro “rel-accionate” para adolescentes de 16 a 22 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Igualdade, que dirixe Verónica Casal Míguez, informa de que mañá, día 6 de xuño, abre o prazo de inscrición para o obradoiro “Rel-accionate”. As solicitudes xunto co volante de empadroamento, deberán entregarse ata o 19 de xuño no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres e de 09:00 a 13:00 horas os sábados. O número de prazas está limitado a 20, e a actividade é gratuíta.

A edil de Igualdade explicou que os obxectivos de “Rel-accionate” son desmitificar os roles atribuídos a ambos sexos tanto na afectividade como na sexualidade; traballar actitudes e habilidades de relación persoal; e visibilizar as novas formas de desigualdade que se establecen entre a xuventude, relacionadas con establecemento de relacións sentimentais. Así, no obradoiro traballarase coa adolescencia contidos de habilidades sociais, resolución de conflitos, excesiva preocupación pola imaxe persoal ou os mitos do que “deben facer” mozos e mozas á hora de relacionarse. Ademais, entrarase na “dimensión sexual” rompendo coas ideas sexistas antigas e as novas -enmascaradas baixo unha pseudomodernidade- e devolvendo a responsabilidade que se lle atribúe aos rapaces (levar o mando) e ás rapazas (embarazos non desexados) ao seu lugar.

“A idea é abordar, a través dunha metodoloxía lúdico-educativa, aqueles aspectos relacionados coa afectividade e os primeiros ligues, analizando as súas estratexias persoais e o seu concepto dos roles nos rapaces e rapazas das súas idades” sinalou a titular de Igualdade. Este obradoiro, dirixido a adolescentes residentes no termo municipal con idades comprendidas entre os 16 e os 22 anos, desenvolverase os venres 21 e 26 de xuño en horario de 18:00 a 20:00 horas na Casa da Muller, situada na rúa Lugo 56.

5 de xuño de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.