Entrega dos premios do XI Certame Literario Conde de Gondomar
O Auditorio Lois Tobío albergou, o pasado xoves, a entrega de premios aos gañadores das distintas categorías do ‘XI Certame Literario D. Diego Sarmiento de Acuña. Conde de Gondomar’, unha das actividades máis importantes que organiza a Concellaría de Educación do Concello de Gondomar.
No acto estiveron presentes o alcalde do municipio, Fernando Guitián, a concelleira de Educación, Paula Bouzós, Don Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez, actual Conde de Gondomar e a deputada provincial, Marta Iglesias.
Entre os escritos presentados polos alumnos e alumnas dos colexios e institutos de Gondomar e toda a comarca do Val Miñor, os xurados (un por cada modalidade e compostos de tres membros cada un) constataron a gran calidade dos traballos recollidos.
A xulgar polo número de obras presentadas, un total de 115 entre poesía e relato curto, esta edición do certame tivo un gran nivel de convocatoria.
Paula Bouzós, concelleira de Educación, apuntou que “dende o Concello seguiremos apostando por este certame que cada ano conta con maior apoio e participación”.
Ao final do acto, xunto aos premios económicos, fíxose entrega aos participantes dun libro editado no que figuran as obras gañadoras deste XI Conde de Gondomar.
Gañadores
Na modalidade de Poesía os premios repartíronse do seguinte xeito: no nivel I (terceiro ciclo de Educación Primaria), Kevin Alonso Alonso e Uxía Chamorro García fixéronse co primeiro premio grazas a O Cabalo e Mentiras, respectivamente. Un paseo por Gondomar de Alma Alonso Costas conseguiu o Accésit nesta categoría. No nivel II (primeiro, segundo e terceiro de ESO), o primeiro premio foi para Anahí Barros Vidal con Na noite.
En canto ao Relato: Nerea Fernández Sousa con A Forza da Amizade e Nuria Comesaña Rodríguez con As Familias veciñas conseguiron o primeiro premio e o Accésit respectivamente, en nivel I. O nivel II tivo como gañador a Rafael Areses Elizalde co seu escrito Atardecer, mentres que Víctor Villadóniga Santos conseguiu o Accésit con A Cova Dourada. Finalmente, no nivel III (cuarto de ESO e Bacharelato), Antía Iglesias Fernández alcanzou o primeiro premio con Na lente do Telescopio.











