Entidades sociais, deportivas e veciñais de Ferrol daranse cita nos actos da campaña “Panos brancos contra a droga”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, sumarase mañá á campaña “Panos Brancos Contra a Droga” que o Concello de Ferrol organiza xunto coa Fundación Galega contra o Narcotráfico. A deste sábado, día 29, será a oitava edición desta campaña de sensibilización social, e terá á cidade naval como sede dos actos centrais. Así mesmo, o desenvolvemento desta campaña coincide coa recente conmemoración do Día Internacional contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, instaurado polas Nacións Unidas, e que no presente exercicio de 2013 quere suliñar a importancia decisiva da participación de familias, escolas e comunidade na prevención do consumo de drogas.

Os actos comezarán ás 12.00 horas na praza de Armas onde está chamada a participar o conxunto da cidadanía. Dende diante das escalinatas da Casa Consistorial partirá unha marcha que percorrerá ás rúas Terra, Real e Sánchez Barcaiztegui portando a bandeira branca contra a droga e que rematará na praza de Amboaxe. A marcha sairá de Armas cos sons da Banda Ferrolá de Música. Unha vez na praza de Amboage terá lugar unha exhibición de danza jazz por alumnas do Club Esquío e da Escola de Danza Matilde Pedreira e o alcalde de Ferrol e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Couceiro Cachaldora, leran conxuntamente un manifesto. Os actos rematarán coa actuación da Banda Ferrolá de Música e unha solta de globos.

No que atinxe aos abandeirados que participarán nesta marcha atópanse representantes de entidades como: Asfedro, Lazos, Érguete Ferrol, Proxecto Home, Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, Asociación de Veciños de Caranza, Racing de Ferrol, O Parrulo Fútbol Sala, Club Valdetires Ferrol, Club de Remo A Cabana, etc. Tamén está confirmada a presenza do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jose Manuel Vilariño Anca, e da Vicerreitora da Universidade da Coruña para o Campus de Ferrol, Araceli Torres, entre outros representantes de institucións de Ferrol.

Chamamento a participar

O alcalde de Ferrol fixo un chamamento a participar nos actos de mañá sábado contra a droga, posto que “toda a sociedade debemos implicarnos de forma activa contra esta problemática, aumentando o grao de concienciación e sensibilización social fronte a droga”. Así mesmo, Rey Varela aproveitou para recoñecer e agradecer, unha vez máis, “o excelente traballo que están a facer na nosa cidade entidades como Asfedro, Lazos, Érguete, Ex alcohólicos e Proxecto Home, coas cales mantemos dende o Concello unha colaboración estable sabedores da crucial labor de información, prevención e integración que levan a cabo todos os días do ano”, dixo.

28 de xuño de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.