Entidades asociativas e centros educativos da cidade mostran o seu apoio a solicitude de dedicación do Día das Letras Galegas 2014 a Ricardo Carvalho Calero
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, quere facer un chamamento a todas as entidades asociativas e centros de ensino da cidade para que fagan chegar o seu apoio á solicitude do Concello de Ferrol para que se lle dedique a Ricardo Carvalho Calero o Día das Letras Galegas 2014. O primeiro edil da cidade se dirixía hai unhas semanas á Real Academia Galega (RAG) co fin de tramitar a dita solicitude, facendo chegar un escrito ao novo presidente da RAG. Asemade, e seguindo con esta campaña, o Concello de Ferrol, a través do departamento de Normalización Lingüística, solicitaba a adhesión tanto da comunidade educativa ferrolá como de todo o tecido asociativo da cidade.
O acordo por unanimidade do conxunto da Corporación Municipal, na sesión plenario do pasado 27 de marzo, recolleu o sentir da poboación ferrolá de dedicar ao profesor Carvalho Calero este día tan destacado para a lingua galega. Esta proposta foi aprobada, con anterioridade, polo Consello Municipal da Lingua, do que forman parte ademais de representantes políticos, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e a fundación Artabria. Así, estas dúas últimas traballan dende hai tempo activamente a prol desta iniciativa tanto no ámbito educativo como asociativo.
A día de hoxe, xa son numerosas as entidades asociativas e centros educativos que amosan o seu apoio á proposta de que Ricardo Carvalho Calero sexa o homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2014.











