Enrique Salvador recolle as cinco bandeiras azuis outorgadas ás praias da cidade
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, participou esta mañá na entrega das cinco bandeiras azuis do municipio coruñés (areais de Riazor, Orzán-Matadero, As Lapas, Oza e San Amaro), un acto que estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O responsable municipal asegurou que estas cinco distincións confirman que A Coruña é un dos mellores destinos turísticos de praia a nivel español.
A Coruña logrou renovar as súas cinco bandeiras azuis. O concelleiro de Medio destaca que este distintivo acredita a calidade das augas de baño, limpeza, servizos sanitarios, de seguridade e de información. Enrique Salvador foi o encargado de recoller estas cinco bandeiras azuis no acto oficial que se celebrou este mediodía na praia de Valcovo (Arteixo) e en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo entrega das bandeiras que este ano obtiveron os areais de Galicia, que conta con máis bandeiras que calquera outra comunidade autónoma. A calidade das augas de baño, os servizos e as instalacións, a información, xestión e a educación ambiental e a seguridade son os criterios que mide o xurado internacional que outorga anualmente este galardón dende 1987.
O edil de Medio subliña que, ademais desta distinción tan importante, nestas cinco praias da cidade (Riazor, Orzán-Matadero, Oza, San Amaro, e As Lapas) ondean as bandeiras Eco Praia, un premio outorgado pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio (Ategrus).











