Enrique Salvador mostra o traballo do Plan RUA ao alcalde de Vilagarcía

Enrique Salvador xunto ao alcalde de Vilagarcía
O Concello da Coruña, a través da área de Medio que dirixe Enrique Salvador, informa da visita que realizou á cidade o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole Díaz, acompañado por dous compoñentes do seu equipo de goberno, o concelleiro de Medio e Servizos, Jesús Longa Sánchez, e a concelleira de Urbanismo, Vías e Obras, Ana Granja Guillán, para coñecer de primeira man as directrices básicas do Plan RUA para valorar a posibilidade de exportalo e adaptalo ás características propias do seu termo municipal.
Durante a súa estanza visitaron o barrio de Monte Alto, onde actuaba o Plan RUA, acompañados polo concelleiro de Medio, Enrique Salvador, así como das concelleiras de Barrio. Na zona de actuación puideron comprobar, in situ, os dous piares fundamentais nos que se asenta o Plan RUA, que son a actuación de cada un dos servizos e o programa de concienciación ambiental, levado a cabo polos promotores ambientais, para lograr a participación activa dos cidadáns no mantemento da cidade.
Observaron o desenvolvemento dos traballos, como limpeza viaria, limpeza de rede de sumidoiros, mantemento de zonas verdes, desratización, mantemento de iluminación, limpeza de marquesiñas, detección de vehículos abandonados, entre outras, así como o labor dos axentes ambientais, os encargados de informar persoalmente os veciños e recoller suxestións en comercios e locais de hostalaría.
Durante a visita, Enrique Salvador comentoulles que o Plan RUA “é un reforzo das actuacións que, a diario, se realizan na nosa cidade, polos distintos servizos municipais, en cada un dos barrios e dunha forma coordinada”. Tras a visita coñeceron a filosofía e principios do Plan RUA, así como a planificación e metodoloxía a seguir coa intención de conseguir unha cidade máis sostible, limpa e ordenada.











