Educación inicia esta tarde as reformas dos colexios A Lomba e Arealonga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A xefatura territorial la Consellería de Educación comunicou hoxe á concelleira, Rocío Llovo, o inminente inicio das obras de mellora comprometidas polo organismo autonómico nos colexios de A Lomba e Arealonga. Os traballos comezarán esta mesma tarde pola caseta da caldeira do Arealonga e continuarán de seguido polo reforzo do forzado deste centro e co arranxo de humidades no da Lomba. O investimento total que realizará educación nestas actuacións supera os 105.000 euros.

Tras as xestións realizadas hai meses por Llovo del Río ante a xefatura territorial de Educación, o responsable do organismo autonómico comprometérase a financiar as obras necesarias para resolver os problemas detectados en ámbolos dous centros educativos e mesmo fixara a data para a súa realización. César Pérez Álvarez asegurara que as obras se executarían durante as vacacións de verán, para no interferir no curso e para a garantir a completa seguridade de alumnos e profesores. Neste caso, os prazos adiantáronse xa que, a falta de catro días para que remate o curso, esta mesma tarde está previsto que comecen os traballos pola obra máis sinxela e de menor calibre, a demolición da antiga caseta da caldeira do Arealonga para construír a nova. A partir da vindeira semana, e xa cando as aulas estean baleiras, continuarase co resto das obras.

O maior presuposto lévao a obra do reforzo do forxado da cimentación do Arealonga, con 60.000 euros. Aínda que os técnicos non detectaron danos estruturais que revistan riscos inminentes, si corroboraron certa oxidación en zonas puntuais do entramado secundario do forxado como consecuencia da humidade xerada polo río canalizado por debaixo do colexio. A actuación que se vai a levar a cabo agora ten como obxectivo frear o deterioro.

Os traballos que está previsto realizar no colexio da Lomba céntranse na reparación de alicatados e humidades existentes no centro pese a tratarse dunha edificación de receen te construción. Nestas obras a Consellería de Educación investirá 45.500.00 euros

A concelleira Rocío Llovo manifestou a súa satisfacción polo estrito cumprimento dos prazos comprometidos polo responsable territorial de Educación ao que volveu a agradecer o interese e a receptividade que amosou para tratar de resolver as problemáticas e carencias que sufrían estes dous centros educativos pese as restricións orzamentarias da administración.

17 de xuño de 2013 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.