Dous itinerarios formativos sociosanitarios con certificado de profesionalidade acadan entre un 40% e un 60% de inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

Unha alta porcentaxe do alumnado participante en dous itinerarios formativos sociosanitarios con certificado de profesionalidade, do proxecto “Ferrol punto de emprego II” posto en marcha polo Goberno Local, acadan a inserción laboral ao remate dos mesmos. O curso “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”, que deu comezo o pasado 1 de outubro de 2012, conseguiu que 8 mulleres participantes -o 60%- que finalizaron esta acción formativa o pasado mes de marzo se atopen actualmente traballando. Así mesmo, un total de 6 alumnos -o 40%- do itinerario de inserción laboral “Atención sociosanitaria a persoas no domilicio”, que comezou o 24 de setembro de 2012, conseguiu unha contratación laboral en empresas do sector ao remate do mesmo no mes de abril.

O curso de atención a persoas dependentes en institucións sociais, dunha duración total de 560 horas, impartiuse na súa fase de formación específica nos locais de COGAMI en Ferrol homologados pola Xunta de Galicia para cursar esta especialidade formativa. Unha vez rematada esta etapa, as 13 alumnas pasaron a realizar o módulo de práctica profesional titorizada en empresas (160 horas) no Centro Gerontolóxico Euxa-Narón e na Residencia Geriatros-Ferrol. Pola outra banda, o itinerario de inserción laboral con certificado de profesionalidade “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio”, cunha duración total de 635 horas, foi impartido na súa fase de formación específica nos locais de FORGA en Narón tamén homologados pola Administración Autonómica para cursar a formación específica. Un total de 15 persoas desempregadas pasaron a realizar o módulo de práctica profesional titorizada (120 horas) nas empresas Valoriza Servizos á Dependencia SL e Geriatros SA, tras finalizar a etapa específica formativa.

Certificado de profesionalidade

No mes de xaneiro, o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou coa Conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia un acordo para que estes dous itinerarios de formación conleven a acreditación a través da expedición do correspondente certificado de profesionalidade. O proxecto “Ferrol punto de emprego II”, posto en marcha pola Administración Local, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) e ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

17 de xuño de 2013 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.