Dez grupos da zona participarán o próximo sábado en Mos no certame de música tradicional Interritmos
Interritmos é un proxecto plurianual, financiado polo Ministerio de Agricultura e levado a cabo por 12 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, Cantabria, Salamanca, Extremadura e Andalucia, que busca a recuperación, a valorización e a difusión do patrimonio musical tradicional do rural, intentando que esta posta en valor repercuta economicamente nos territorios a través da promoción turística dos mesmos.
Nos anos 2011 e 2012 elaborouse, a través dun intenso traballo de campo, un diagnóstico da música tradicional en cada un dos territorios para poder coñecer a realidade da música tradicional no rural.
No momento actual, iniciamos a fase de posta en valor das músicas dos distintos territorios, comenzando polo desenvolvemento en cada un deles dun Certame musical. No caso do GDR da Área Intermunicipal de Vigo-Baixo Miño, terá lugar o próximo SÁBADO 29 DE XUÑO ÁS 20:00 HORAS NO MULTIUSOS DAS POZAS DE MOS, e para a súa celebración contamos coa colaboración no proxecto do Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra.
A mediados do mes de maio abriuse durante quince días o prazo de inscripción no Certame e, finalizado o mesmo, imos contar coa participación de dez grupos que responden á variedade e ao dinamismo que a música de tradición galega ten na nosa bisbarra.
A presenza de grupos e bandas de gaitas, cantareiras, treboeiros, grupos folk ou corais que interpretan temas que beben nas raices da música galega, garante a representatividade e a evolución do noso folclor nesa atractiva xornada musical.
A relación dos grupos participantes é a seguinte:
Gandariño (O Porriño)
Banda de Gaitas Atlántida de Matamá (Vigo)
Airiños Novos de Pinzás (Tomiño)
Coral Santa María de Pazos (Pazos de Borbén)
Abeleiras de Alxán (Soutomaior)
Lumeirada (O Porriño)
Duo Xulio Lorenzo e Xavi Collazo (Mos)
Treboeiros da Muimenta (Tomiño)
Pandereteiras A Buxaina de Coruxo (Vigo)
Coral A Raíña de Cedeira (Redondela)
Para cumplir esa intención de promoción da nosa música, os galardóns para os gañadores, ademais dun trofeo conmemorativo, consistirán na participación dos dous primeiros clasificados na gravación dun CD recopilatorio a nivel nacional xunto cos vencedores dos outros territorios.
Para os tres seguintes clasificados, a Deputación de Pontevedra ofrécelles a posibilidade de editar, maquetar e imprimirlles un folleto promocional da súa historia e o seu facer musical.











