publicidade hoxe

Culleredo solicita o programa de cooperación de Traballo para unha brigada de restauración de mobiliario e para auxiliares de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O goberno de Culleredo propón empregar os programas de cooperación que lanza a Consellería de Traballo para a mellora urbana e o incremento dos efectivos de seguridade cidadá. O Concello acaba de remitir á Xunta a solicitude, que consta de dúas accións.

En primeiro lugar, o goberno local aposta por crear unha brigada de restauración de mobiliario urbano. Culleredo conta con amplísimas zonas verdes en todas as parroquias, destacando zonas frecuentadas por centos de veciños ao día como o paseo marítimo do Burgo. Estes espazos, que proporcionan calidade de vida, contan con numerosos elementos de mobiliario urbano, como bancos, papeleiras, paneis, etc.

O paso do tempo inevitablemente causa deterioración nestes elementos e iso require de importantes labores de mantemento e reparación. Por iso, o equipo de goberno quere dedicar esta brigada a restaurar todos os puntos que o demandan.

Esta brigada estaría conformada por dous carpinteiros, un pintor e un albanel. A contratación sería de 6 meses a xornada completa. A axuda solicitada a Traballo polo Concello para esta acción é de 35.999,86 euros. A segunda proposta para os programas de cooperación diríxese ao servizo de Protección Civil. O goberno municipal pretende crear un grupo municipal de primeira intervención (GRUMPI) que apoie o traballo de Protección Civil.

Este grupo contaría con tres auxiliares de Protección Civil que traballarían durante 6 meses a xornada completa. O custo neste caso solicitado ascende a 26.999,90 euros. O goberno municipal entende que as dúas accións son “moi necesarias” para Culleredo, á vez que propiciarán a contratación de 7 traballadores en situación de desemprego, polo que espera que a Xunta apoie estas accións.

6 de xuño de 2013 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.