publicidade hoxe

Culleredo potenciará un novo papel de atención cidadá no voluntariado de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+
Equipo de voluntarios

Equipo de voluntarios

O goberno de Culleredo impulsará o papel da agrupación de voluntarios de Protección Civil para contribuír á seguridade do municipio. O
concelleiro delegado de Protección Civil, Alberto Veira, acompañado do primeiro tenente de alcalde, José Ramón Riobóo, mantivo unha reunión cos voluntarios para expoñerlles os proxectos que manexa o goberno municipal para potenciar o servizo e que xa coordina o responsable técnico da área.

Os voluntarios ofrecerán un apoio continuado para a atención cidadá por todo o ámbito xeográfico de Culleredo. Contarán a diario cun cadro de tarefas que consistirán en avalar os funcionarios do corpo en todo momento, cun retén continuo, e con labores como a supervisión das zonas máis concorridas do municipio.

Neste sentido, as zonas de xogos infantís, os parques, zonas peonís e paseo marítimo contarán coa vixilancia dos voluntarios de Protección Civil, que estarán en contacto directo coas forzas de seguridade co fin de previr e alertar sobre calquera incidencia que se produza. Outra das tarefas que serán ofrecidas ao voluntariado será o control das zonas forestais co fin de evitar a eiva dos incendios en época de verán.

O goberno municipal xa iniciou os trámites para dotar de máis medios aos voluntarios para que poidan desempeñar con efectividade estas tarefas. Así, contarán en breve con catro bicicletas equipadas con todo o necesario para primeiros auxilios e coas que se realizará o control no paseo marítimo do Burgo e o fluvial de Tierno Galván, entre outras zonas.

Ademais, o goberno de Culleredo dará a formación necesaria aos voluntarios de Protección Civil, que contarán como mínimo co curso básico de primeiros auxilios e avanzado homologado pola Academia Galega de Seguridade. Nunha segunda fase apostarase por unha formación dirixida á intervención en incendios urbanos e forestais e en accidentes de tráfico con excarceración.

A aposta do goberno municipal consiste en potenciar o voluntariado como paso previo ao reforzo da profesionalización do departamento que na actualidade conta con cinco profesionais cunha acreditada experiencia e formación nestes ámbitos. O equipo de goberno destaca o “gran traballo” que proporcionan aos veciños os voluntarios de Protección Civil, cunha actitude sempre positiva e de servizo. Por iso, o
Concello propúxose potenciar o seu rol activo no municipio, contribuíndo aos seus fins de protexer e axudar a cidadanía.

Tanto Veira coma Rioboo animan os veciños de Culleredo a que se apunten o voluntariado, co desexo de que todas as parroquias conten polo menos con catro voluntarios, cifra, que propiciaría unha atención cidadá completa por todo o territorio.

4 de xuño de 2013 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.