publicidade hoxe

Culleredo potenciará a participación dos maiores para escoitar as súas propostas e deseñar os programas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O goberno de Culleredo busca a participación activa dos maiores na vida do municipio. O Concello celebrou hoxe unha reunión cos delegados parroquiais, órgano de participación dos maiores do termo. Os delegados parroquiais son representantes de todas as parroquias e encárganse de transmitir peticións ao equipo de goberno e definir os programas que debe organizar en función das súas necesidades e intereses.

O encontro de hoxe, presidido polo alcalde, Julio Sacristán, serviu como primeiro contacto da concelleira de Benestar Social, Guadalupe Pombo, e da edil de Sanidade, Penélope López, cos delegados parroquiais. Encontráronos con moitas ganas de implicarse co Concello na programación de actividades.

O goberno local anunciou que intensificará as reunións cos maiores para escoitar as súas propostas de primeira man e poder levalas a cabo. Os delegados parroquiais coincidiron nesta idea, polo que a Concellaría de Benestar manterá un “contacto fluído” con eles para que a súa participación se faga efectiva.

No encontro de hoxe, os maiores xa trasladaron algunhas das súas necesidades. Pediron, en primeiro lugar, un incremento das actividades destinadas a eles. E en concreto, suxeriron a recuperación dos bailes os fins de semana e a impartición de clases de informática na aula de Vilaboa, cuestións, que o Concello espera atender en breve prazo.

Ademais, os delegados solicitaron que os programas se manteñan tamén na zona rural e que se habilite en Fonteculler unha sala para o seu uso social por parte dos maiores. O goberno local estudarao e ofrecerá unha resposta coas posibilidades existentes.

O Concello pediulles aos delegados que propoñan actividades consensuadas previamente cos veciños, cos seus horarios concretos. Desta forma lograrase un proceso de acordo previo para lanzar iniciativas con respaldo e polo tanto coa realización asegurada. Isto é especialmente necesario no rural, onde hai menos poboación.

Pombo considera “fundamental” o traballo cóbado con cóbado cos representantes dos maiores para garantir a idoneidade dos programas municipais para este colectivo. A concelleira destaca ademais que os maiores “queren colaborar, teñen ideas e iniciativa e dende o goberno poñeremos todos os medios para atenderlles.

Na reunión, así mesmo, os delegados transmitiron diferentes peticións doutros ámbitos, como o estado de estradas, que trasladarán ás áreas municipais correspondentes.

11 de xuño de 2013 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.