publicidade hoxe

Culleredo ofrece clases públicas de reforzo en verán para aplacar o fracaso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocalLocal Portada
A-
A+

O goberno de Culleredo combate o fracaso escolar cun programa público de apoio aos escolares durante o verán. Trátase dunha serie de talleres encamiñados a apoiar e colaborar cos alumnos cullerdenses que teñen materias pendentes para os exames de setembro ou ben que desexan mellorar as súas técnicas de estudo.

O programa, denominado “Ponte a punto”, vai dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, así como ao de 1º, 2º, 3º e 4º de Secundaria e ao de PCPI. A Concellaría de Educación inclúe no programa os seguintes talleres:

· “RefórzaT”, consistente nun apoio e reforzo ás aprendizaxes escolares

· “ConciénciaT”, con accións potenciadoras do ensino das ciencias e as matemáticas con metodoloxías divertidas

· “Estudo con TecniK”, que traballará unha serie ferramentas que proporcionen unha mellora do rendemento e faciliten o proceso de memorización

As actividades desenvolveranse dende o 4 de xullo ata a primeira semana de setembro nas dependencias municipais do Conservatorio de Música, situado no Burgo. Terán lugar os martes e xoves en horario de 10.00 a 12.00 horas.

A concelleira de Educación, Carmen Varela, explica que coa iniciativa o goberno de Culleredo pretende poñer o seu “gran de area” para aplacar o fracaso escolar, proporcionándolles a as familias unha axuda extra nun período tan necesario como o verán. O programa procura por
un lado motivar os escolares de cara ao éxito escolar e por outro mellorar o seu rendemento a través de ferramentas e técnicas de estudo.

Un dos colectivos obxectivo para o plan son os escolares con risco de abandono. Cos talleres, o Concello quere contribuír a mellorar as súas competencias básicas e previr así dese abandono escolar.

Neste mesmo plan de educación, o Concello de Culleredo oferta tamén clases dirixidas a mozos de idades de 18 a 24 anos para a obtención do título graduado en Educación Secundaria, de cara ás probas libres do mes de setembro. Neste caso, a actividade comeza o día 3 de xullo e terá lugar os luns e mércores de 10.00 a 12.00 horas, no edificio do Conservatorio.

As clases axudarán aos alumnos a desenvolver os contidos dos exames e así mesmo recibirán orientación de cara ás posibles saídas laborais ou escolares que poidan ter tras superar a proba.

O prazo de matrícula para o programa “Ponte a punto” está aberta ata este venres 28 de xuño. Os interesados poden formalizala no departamento municipal de Educación situado no propio Conservatorio.

24 de xuño de 2013 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.