Culleredo inicia o servizo de aluguer de bicicletas cun horario continuo de 12 horas diarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O servizo municipal de aluguer de bicicletas inicia tempada. As bicicletas encóntranse xa aparcadas e o sistema activado para que veciños e visitantes gocen das amplas zonas verdes do municipio de Culleredo cun medio de transporte ecolóxico e que promove o exercicio físico.

Os operarios da empresa adxudicataria, Tuimil S.A., acaban de colocar as bicicletas nos tres puntos habilitados: o paseo marítimo xunto á urbanización A Ría; o paseo do Burgo xunto á ponte sobre a ría; e o paseo do río Trabe en Vilaboa. Cada un dispón dunha pantalla intelixente para acceder ao aluguer mediante a tarxeta do servizo.

Os usuarios poderán facerse cunha tarxeta nas oficinas municipais sitas na casa consistorial, no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo ou en Vila Melania. O servizo estará aberto ata o 15 de outubro e ofrece un horario continuado de 12 horas ao día: de 9.00 a 21.00 horas.

A nova empresa concesionaria, por 12.100 euros, ofrecerá importantes vantaxes no servizo para optimizar o funcionamento. En concreto, impulsará un renovado sistema de xestión de incidencias, que permitirá á empresa actuar ante fallos ou problemas que poden informar os propios usuarios. Ademais, a adxudicataria asegura unha maior axilidade na reparación das bicicletas, factor clave para que o servizo funcione.

O goberno de Culleredo quere potenciar a bicicleta como medio turístico e de transporte alternativo no municipio. O municipio conta con amplos espazos verdes e seguros para andar en bicicleta, como todo o paseo marítimo do Burgo e o do río Trabe. Un ciclista pode desprazarse entre Fonteculler, Vilaboa e O Burgo, os tres principais núcleos urbanos, en carril bici.

O Concello conta con 137 bicicletas, que foron distribuídas en parte nos tres puntos para garantir que se atenda toda a demanda e en parte almacenadas para atender ás diferentes avarías que poidan xurdir.

15 de xuño de 2013 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.