Crespo ofrece á oposición formar parte dun goberno de concentración para buscar solucións en conxunto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

“Veñen novos tempos e a novos tempos, novos métodos”, tamén no eido político. Esta é a filosofía inspiradora da oferta que o alcalde de Lalín, José Crespo, lle vén de facer á oposición no ecuador de mandato: cogobernar a través da creación dun goberno de concentración de feito (non de dereito) que estea integrado por todas as forzas políticas municipais.

Crespo indica que esta “oferta sincera, leal e xenerosa” lla fixo aos voceiros da oposición nunha reunión mantida na tarde do pasado xoves e explica que “do que se trata é diante desta situación excepcional que atravesamos é de sumar esforzos en temas de interese xeral para Lalín”, ao tempo que de evitar perder tempo en debates insubstanciais. Sinala que lle deu aos grupos da oposición un tempo para pensalo e que na vindeira semana reunirase novamente con eles para ver que decisión adoptan. A condición sine qua non pon é para poñer en marcha esta nova estratexia de funcionamento é que estean de acordo todos os grupos da oposición.

Así mesmo o alcalde lalinense ofrécelle á oposición estar na Xunta de Goberno e en todos os órganos de goberno que desexen. En principio dixo que con voz pero sen voto aínda que se amosou aberto a posibles negociacións. Avanzou que de de ter resposta afirmativa se establecerá un consello para o funcionamento deste goberno de concentración.

“De saír adiante -precisa- o Concello de Lalín sería o primeiro goberno da democracia en ter un cogoberno”, sostén. Precisa ademais que a oferta é xenerosa no canto de que Lalín é o concello galego de máis de 20.000 habitantes cunha maioría absoluta máis ampla e incide en que o fin é “crear un novo marco de funcionamento municipal, unha nova forma de facer política para que cousas cousas de comer non se xogue e que prevaleza por riba de todo o interese xeral de Lalín”.

“En definitiva, traballar todos polo mesmo fin porque os intereses de Lalín teñen que estar por riba de ideoloxías políticas e de partidos; trátase de crear un ambiente favorable onde flúa a ilusión e se podan facer cousas entre todos en favor de Lalín”, remarca.

O primeiro edil subliña que “neste ecuador de mandato propoño un cambio profundo para adaptarnos aos novos tempos: buscar solucións en conxunto para Lalín aproveitando sinerxias e ideas; eu movo ficha, agora a ver o que ocorre -puntualiza-”, ao tempo que fixo fincapé en que “o que pido da oposición é lealdade”.

Dixo ser consciente da “dose de arriscamento” que supón a oferta pero defendeu que “estou disposto a correr este risco”. “Esta crise -defende- ten que valer para ensinarnos e iso significa que se hai unha idea válida debes aceptala”. Ademais argumenta “non é o mesmo pedir unha cousa por unanimidade que por maioría” e o seu obxectivo é traballar par que Lalín estea en liña de saída cando a crise levante.

Crespo pide aos grupos da oposición que estuden a proposta o mellor posible e adiantou que de saír adiante haberá “fases posteriores”.

17 de xuño de 2013 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.