Crespo explicou aos representantes das cooperativas lalinenses o programa piloto experimental de mellora da competitividade do sector lácteo
O alcalde de Lalín, José Crespo, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Fernández, reuniuse hoxe cas cooperativas gandeiras da zona para lle explicar o “Programa piloto experimental da mellora da competitividade do sector lácteo gandeiro” que permitirá a 25 gandeiros da provincia de Pontevedra acceder a formación teórico práctica no camiño cara a modernización e profesionalización das explotacións gandeiras.
Na reunión, na que participaron os representantes de todas as cooperativas con sede en Lalín -Manuel Pichel, de Campodeza; Manuel Miguelez, vicepresidente de Cobideza; José Taboada da Cooperativa de Botos; Manuel Taboada de Aprodeza e José Dieguez de Valle del Deza- o rexedor explicou polo miudo os detalles desta iniciativa da Fundación INCYDE en colaboración ca Deputación de Pontevedra.
No programa poderán participar 25 alumnos con 320 horas de formación e 228 horas de tutorías personalizadas. Terá unha duración de 8 semanas. Este é un programa pioneiro en Galicia que pretende avanzar na profesionalización do sector agrogandeiro.
O obxectivo xeral do programa é promover a mellora de oportunidades de negocio para os/as autónomos e pequenos empresarios do sector lácteo e gandeiro. Ademais, pretende transmitir conceptos, técnicas e ferramentas específicas de dirección en tempo de crise; diagnosticar problemas críticos por áreas funcionáis; establecer prioridades e axuda na toma de decisións e fixar un calendario de posta en marcha de accións urxentes.











