Continúa o ciclo música nos Tilos co son brasilego de Sergio Tannus Trío

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Ciclo Música nos Tilos continúa este venres 14 de xuño co concerto do multiinstrumentista e cantautor Sergio Tannus. O concerto será na Casa Común dos Tilos a partir das 22:30 horas. A entrada é de balde ata completar aforo. No concerto de aCadaCanto, que abreu o ciclo a semana pasada, houbo unha moi boa afluencia de público enchéndose o local.

Dende a Concellaría de Cultura, dirixida por Carme Hermida, convidan ós asistentes a colaborar con algunha entrega de alimentos non perecedeiros co Banco Veciñal de Alimentos de Teo. Estas recollidas estanse facendo en todas as actividades culturais municipais e precisamente o venres pasado recolléronse ó redor de 200 quilos de produtos.

Sergio Tannus Trío achegará ós Tilos os seu último disco “Son Brasilego”, un traballo no que aposta polo achegamento cultural e persoal, pola fusión de ideas e polos ritmos e raíces comúns. Sergio Tannus, un dos artistas máis completos da “safra brasileira” vive en Compostela dende o 2006. Paulo Silva (voz e percusións) e Gutier Álvarez (zanfona e violino) acompañarán ó multiintrumentista nesta actuación en Teo. Neste traballo discográfico Tannus comparte pezas con artistas galegos coma Ugia Pedreira, Óscar Fernández, Uxía, Najla Shami, Xabier Díaz, Narf e moitos outros, xunto con músicos portugueses, brasileiros, angolanos e doutras nacionalidades.

O Ciclo Música nos Tilos que este ano chega á súa cuarta edición consolidado como unha cita de comezo de verán en Teo está organizado polo Concello e promovido por Imperdible Servizos Culturais. O último concerto este ano está programado para o venres 28 coa actuación de Narf.

13 de xuño de 2013 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.