Concello e entidades relacionadas co desenvolvemento turístico constitúen o xoves a Mesa Local de Turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello e as entidades sociais, económicas e deportivas da cidade relacionadas co desenvolvemento turístico participarán o xoves na sesión constitutiva da Mesa Local de Turismo. A xuntanza celebrarase no Pazo de Rubiáns co obxectivo de sentar as bases e poñer en marcha un órgano que nace co obxectivo de sumar esforzos e aproveitar sinerxias que logren potenciar a actividade do sector turístico local e xerar riqueza para a economía local.

A creación da Mesa Local de Turismo foi unha proposta realizada polo alcalde, Tomás Fole, aos sectores socioeconómicos da cidade, nun almorzo de traballo mantido a medidos de maio na escola de Hostalaría da Lanzada para avaliar a situación do turismo no municipio e sondar as opinións dos diferentes sectores. A boa acollida da proposta fraguou polo que o xoves celebrarase a primeira reunión na que estarán presentes un total de 20 entidades, máis o Concello. A reunión celebrarase no Pazo de Rubiáns, emprazamento proposto pola propiedade do histórico edificio que,a demais de ser un dos grandes atractivos de Vilagarcía, estase a promocionar como produto turístico a través das visitas guiadas ao pazo e aos seus xardíns en combinación coa excursión a Illa de Cortegada.

Os colectivos convocados e que formarán parte da Mesa de Turismo son Ahituvi, Consignatarias, Confrarías de Carril e Vilaxoán como organizadoras das festas da Ameixa e das Revenidas; Pazo de Rubiáns, Corticata S.L., Parque Nacional das Illas Atlánticas, Club de Regatas, Club de Mar, Axencia Tee Travel, FECA, Cámara de Comercio, Marina Vilagarcía, Organizacións do Arousa Fútbol 7 e da Vilagarcía Basket Cup, Zona Aberta, Autoridade Portuaria e asociación de Praceiros. Por parte do Concello asistirán o alcalde, Tomás Fole; o concelleiro de Turismo, Manuel Tarrío e o técnico de Turismo do Concello.

A reunión comezará ás 10 da mañá. Tras a constitución da Mesa, os membros debaterán o formato que se lle dará ao órgano e as normas de funcionamento. A continuación, os membros poderán expoñer as propostas que consideren oportunas para debatelas en conxunto e se tratará de elaborar unha planificación de actuacións conxuntas.

A partir do xoves, Vilagarcía converterase na primeira cidade galega en contar cunha Mesa Local de Turismo, un órgano destinado a unir esforzos entre os sectores implicados para traballa conxuntamente no aproveitamento eficaz do potencial turístico do municipio. A filosofía da mesa será a de colaborar na posta en marcha de iniciativas que sirvan para “vender” Vilagarcía como conxunto, como un destino turístico que inclúa toda unha ampla gama de produtos e servizos en base aos numerosos recursos e atractivos dos que se dispón. Coa creación desta Mesa e a participación nela dun elevado número de entidades tamén se pretende contar con máis forza e presenza á hora de recabar apoios doutras administracións.

11 de xuño de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.