Comezan os traballos de rehabilitación dos camiños peonís dos Rosales
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio que dirixe Enrique Salvador, informa do inicio dos traballos de rehabilitación dos camiños peonís dos espazos verdes situados entre o monte de San Pedro e a rúa Alfonso Rodríguez Castelao. O Goberno municipal inviste 75.413,25 euros neste proxecto no que a adxudicataria, Murat Construcción e Mantemento, empregará 25 días para realizar as obras.
O parque dos Rosales conta cun camiño principal de 4 metros de ancho e 700 metros de lonxitude e outros secundarios de 2,5 metros de ancho e 1.050 de longo. O departamento municipal de Medio, en coordinación coas Concellarías de Barrio, certificou a necesidade de realizar traballos de acondicionamento na zona, sobre todo no que se refire á recuperación dos camiños, o que á súa vez permitirá aos veciños gozar mellor dos espazos verdes que rodean este barrio. O proxecto de acondicionamento de camiños peonís no espazo natural dos Rosales inclúe as seguintes actuacións:
– Saneamento dos camiños e rasanteo da capa superficial mediante a eliminación da maleza existente. Os residuos serán trasladados a un vertedoiro autorizado.
– Colocación dunha capa de zahorra de entre 5 e 10 centímetros para proporcionar a pendente axeitada aos camiños, o que facilitará a evacuación da auga.
– Pavimentación dos camiños mediante un composto de jabre estabilizado con cemento branco (a porcentaxe da mestura será de 90-10). Esta intervención garante non só unha mellor conservación dos camiños, senón que facilita o seu posterior mantemento. Ademais, o pavimento elixido é dun alto respecto ambiental e cun impacto visual baixo.
– Suavizado da pendente lonxitudinal da zona inferior do camiño principal.
– Mellora da rede de pluviais, incrementando a liña en 30 metros.
– Colocación de 55 metros lineais de valo de madeiros de madeira de piñeiro onde sexa necesario e reparación das existentes.
TRABALLOS DE MANTEMENTO
O novo proxecto deseñado polo Goberno municipal para Os Rosales súmase a outras accións desenvolvidas pola Concellaría de Medio para mellorar e potenciar os espazos verdes do barrio. Destaca a primeira fase do plan de mantemento do parque natural, na que as obras incluíron a sega de herba e vexetación nunha superficie que alcanza os 66.920 metros cadrados, a roza e limpeza de matogueiras noutros 41.280 metros cadrados, a poda de árbores, a substitución de 20 metros de varanda de madeira e a instalación dun punto de recollida de desperdicios.
Ademais, nos últimos meses, fíxose unha inspección da masa de arboredo lindante co noiro situado ao lado da rúa Simón Bolívar e limpouse a matogueira existente.











