Comezan as Festas de Ourense 2013
Mañá comezan oficialmente as Festas de Ourense 2013, que darán paso a 10 días de numerosas actividades que encherán de vida e de cores as rúas e prazas da cidade.
O artista Melendi ofrecerá o primeiro gran concerto destas Festas. Será a partir das 00.00 h en Expourense. Un pouco antes, a partir das 21.30 h, os Amigos dos 60 celebrarán o seu tradicional encontro na Cafetería do Xardín.
Para o sábado está reservado o pregón destes festexos, a partir das 22.00 h na Praza Maior. O escritor e xornalista ourensán, Camilo Franco, será o encargado da súa lectura. Posteriormente, e no mesmo lugar comezará o concerto de Vocal Tempo, que nos deleitarán só cos seus micros, sen ningún instrumento, aínda que escoitaremos trompetas, tambores, percusións, guitarras e baixos.
Danza, títeres, teatro de rúa, microteatro, música con selo ourensán, e tamén internacional, mercado medieval, o mellor rock do estado … en total máis de cen actividades ata o vindeiro día 30 para que todas e todos se divirtan da mellor das maneras.











