Comezan a disputarse os campionatos municipais de peñas e de fútbol 7 na Laracha
Os tradicionais campionatos municipais de peñas de fútbol e de fútbol 7 que cada verán organiza o Concello da Laracha comezarán a disputarse nos próximos días trala realización do sorteo do calendario de ambos torneos.
O Campionato Municipal de Peñas conta neste ano con nove equipos, polo que será preciso a disputa dun encontro da fase previa antes dos cuartos de final. Ese partido será o que mida aos conxuntos de Cárnicas Lucho e Soandres Veteranos este sábado a partir das 19.00 horas no Campo Municipal da Laracha.
En canto ao Torneo de Fútbol 7, alcánzase en 2013 a súa decimosexta edición. Comezará a disputarse mañá venres e participarán oito conxuntos formados por rapaces da categoría xuvenil. Para axilizar a competición, haberá unha liguilla de tres partidos na que os equipos serán divididos en dous grupos. A clasificación determinará os cruces da fase final.











