Celébrase a carreira nocturna do Corpus, dentro do programa de probas populares “Correndo por Ourense 2013”
O circuíto de carreiras populares organizadas polo Cosello Municipal de Deportes en colaboración co Concello de Ourense acada mañá a terceira proba coa carreira nocturna do Corpus, que transcorrerá polas beiras do río Barbaña entre o Paco Paz e o Polvorín. A carreira, con saída e meta no Paco Paz, terá diferentes percorridos: benxamín, alevín (1.000 m.), infantil-cadete (1.900 m.) e absoluto (6.500 m.).
Ata o día de hoxe, un total de 1.135 persoas están inscritas na proba, a terceira tralas xa disputadas no Vinteún e no Couto. O programa “Correndo por Ourense”, continuará no mes de xullo na Ponte, en setembro na zona universitaria, e en outubro na Carballeira.
Esta actividade ten como finalidade animar aos cidadáns de Ourense a que desfruten de practicar deporte, dándolle protagonismo aos diferentes barrios da cidade. A inscrición para todo o circuíto custa 5 euros para as categorías junior, promesa, senior e veteranos, e é gratuíta para as demais categorías (pitufos, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil). Para máis información sobre regulamento, inscricións e resultados, pódese acceder á páxina web www.deportesourense.com.
Correndo por Ourense, que chega este ano á súa terceira edición, está organizado polo Consello Municipal de Deportes e Concellería de Deportes do Concello de Ourense, coa colaboración do colexio Divino Maestro, do Club Esprintes Ourense, a Delegación Ourensana de Atletismo, o Club Atletismo Ourense, o Club Deportivo Aurum e a Asociación de Veciños Carlasca, e o patrocinio de La Caixa, Gadis, Turini, Coca Cola e Pérez Rumbao.











