Cedeira invita aos mozos e mozas a participar nos cursos de vela, piragüismo e remo
O Concello de Cedeira anunciou esta semana a apertura do prazo de inscrición nos cursos de vela e piragüismo que organizará este verán a Concellaría de Deportes.
Trátase de actividades dunha semana de duración, de luns a venres e en horario de tarde (de 16 a 18,30 horas). Están especialmente dirixidos a nenos de 11 e 12 anos e, aínda que estes terán preferencia á hora da inscrición, se non se cobren as prazas en cada quenda darase entrada
a mozos doutras idades. Arrancarán o 8 de xullo e desenvolveranse durante oito semanas.
O prezo do curso é de 10 euros no caso do piragüismo e de 20 no da vela. Para anotarse, as persoas interesadas deben dirixirse ao Pavillón Polideportivo de luns a venres de 9 a 13 ou de 16 a 20 horas, ou ben chamar ao teléfono 981 48 26 33.
Así mesmo, o Club de Remo, en colaboración coa Concellaría de Deportes, organizará tamén cursos de iniciación ao remo para nenos e nenas de entre 11 e 13 anos. O único requisito para participar é saber nadar. Son completamente gratuítos e celebraranse entre o 22 de xullo e o 2 de agosto, tamén en horario de tarde (de 16,15 a 17,30 horas). Como no caso anterior, as persoas interesadas en participar na actividade deben formalizar a súa inscrición no Pavillón Polideportivo. O prazo remata o día 28 de xuño.











