Cedeira inaugura mañá GalEco, unha galería aberta ás Enerxías Renovables
GalEco, a Feira de Enerxías Renovables organizada polo Concello, abrirá mañá as súas portas en Cedeira. Será a partir das 11 horas, na Avenida da Mariña (no paseo que discorre entre as pontes, no casco histórico). Alí, sábado e domingo, diferentes asociacións e firmas comerciais descubrirán o público asistente as alternativas que teñen á súa disposición en materia enerxética e os beneficios tanto económicos como medio ambientais do seu uso. Dende vehículos eléctricos ata caldeiras de biomasa, pasando por sistemas intelixentes de iluminación ata cociñas solares. No mesmo espazo se situará a Feira do Sol, centrada única e exclusivamente na divulgación social e ambiental desta fonte de enerxía renovable. Horarios de GalEco? Sábado e domingo, de mañá de 11 a 14 horas e, de tarde, de 16 a 20. Unha cita que, segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Local, Luis Rubido, persegue un único obxectivo: fomentar o uso de enerxías renovables a nivel doméstico, dando a coñecer os sistemas que veciños e veciñas teñen ao seu alcance, explicando o seu funcionamento e informando das súas vantaxes.
A tecnoloxía smart, enfocada a particulares e administracións públicas, estará moi presente en GalEco a través da firma naronesa Grupo Austen, especializada en wireless sensor networks. En Cedeira dará a coñecer Siega System e SiLamp, dúas ferramentas de eficiencia enerxética con múltiples aplicacións no campo da agricultura, a iluminación pública ou a xestión de residuos. Unha tecnoloxía que
funciona con éxito na smartcity de Santander. E unhas ferramentas que permiten xestionar a través do móbil ou o ordenador dende o control do rego en cultivos ou xardíns ata o acendido e apagado programado dos puntos de luz.
Así mesmo, o público tamén poderá coñecer as últimas novidades en materia de mobilidade eléctrica nos espazos expositores das firmas Renault, Tuimil e Electric City Motor00. Dende motocicletas ata turismos, pasando por bicicletas, todoterreos ou vehículos para persoas con mobilidade reducida.
Algúns deles poderán verse en GalEco. Vehículos respectuosos co medio e que, tras un investimento inicial, traen consigo un importante aforro económico xa que non utilizan combustible. En este sentido, a Mancomunidade da Bisbarra de Ferrol, que integra os municipios de Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño, tamén estará presente en GalEco a través do seu proxecto Mobilidade Eléctrica Ferrolterra. Un proxecto iniciado no 2011 que permitiu a instalación de 19 puntos de recarga para vehículos eléctricos. Calquera
propietario dun vehículo deste tipo pode solicitar a alta no servizo e beneficiarse de a recarga de forma completamente gratuíta. Diso informará a Mancomunidade este fin de semana en Cedeira.
GalEco tamén reservará un espazo destacado ao sector forestal da man de Promace (a Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira), que compartirá espazo expositor co operador portugués BSL, e da empresa Auténtica Xeración Distribuída (AGD CyL), promotora da planta de coxeración de biomasa forestal que comezará a operar nos próximos meses no polígono industrial da Trabe. No caso de Promace, trátase dunha asociación que, cada ano, xestiona a talla e comercialización de entre 50.000 e 60.000 toneladas de madeira. Os dous millóns de euros que supón a venda desa madeira para os seus asociados dá boa proba do peso económico da súa actividade na zona. Actividade que desenvolve baixo os máis esixentes estándares de calidade e respecto ambiental.
Así o acredita o selo FSC, que garante que os seus produtos proceden dunha xestión racional e responsable da masa forestal na que se conxugan criterios ambientais, sociais e económicos. Un elemento diferenciador que pon en valor a súa produción. Pero, en que se transforma a súa madeira? Actualmente manteñen acordos de comercialización con Ence, a onde se dirixe o madeiro de eucalipto para
a elaboración de pasta de papel e, a través do operador luso BSL, que tamén estará presente en GalEco, abastecen ás factorías papeleiras de Portugal. Así mesmo, recentemente alcanzaban un acordo con AGD CyL para a futura venda dunhas 15.000 toneladas ao ano de restos forestais de madeira para a produción de enerxía térmica e pellets. Unha planta de coxeración de biomasa forestal, a de AGD CyL, que permitirá potenciar esta fonte de enerxía renovable.
En GalEco, e a nivel doméstico, AGD CyL explicará o seu proceso de produción, pero tamén mostrará as vantaxes de recorrer ao pellet como combustible ecolóxico. Válido para calefacción e xerar auga quente sanitario en vivendas unifamiliares, comunidades de veciños, empresas, industria ou comercios.
Así mesmo, ofrece unha dobre vantaxe sobre o combustible fósil: Económica, xa que é un 50% máis barata que o gasóleo e recorrendo a eles non se depende dos continuos cambios no prezo doutros combustibles, e medio ambiental, xa que se trata dunha fonte de enerxía renovable, co que contribúe a rebaixar significativamente a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.
Feira do Sol
O público tamén poderá participar activamente nos talleres e propostas da Feira do Sol, unha experiencia lúdica a pé de rúa encamiñada a redescubrir a achega do sol á vida cotiá, así como os seus usos e aplicacións para proporcionarnos enerxía. Pero, que poderemos encontrarnos nela? Dende cociñas solares a mini-bicis, caixas de cartón reconvertidas en fornos, a bibliosol e unha morea de enxeños. Un equipo de monitores mostrará ao público asistente as vantaxes de recorrer a unha das fontes renovables máis viables no futuro, cuxo uso doméstico e industrial contribuirá a reducir significativamente a dependencia actual dos combustibles tradicionais.
Unha fonte enerxética respectuosa co medio e que axuda a rebaixar a factura eléctrica tras un investimento inicial rapidamente amortizable. Usos a nivel doméstico? Os sistemas solares que actualmente se comercializan no mercado permítennos dende a produción de
auga quente sanitario ata a iluminación de exteriores, xardíns ou camiños públicos, pasando pola posibilidade de dotar de calefacción á vivenda ou mesmo cociñar os nosos alimentos. GalEco descubrirá todas e cada unha das súas funcionalidades, dun modo ameno e práctico, a persoas de calquera idade.











