Case 300 persoas participaron nas rutas “Histórico Literarias” e “Coñece Monforte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

O programa deseñado pola delegación de Cultura para conmemorar o Día das Letras Galegas 2013 incluíu dúas actividades que se desenvolveron durante todo o mes de maio e a primeira semana de xuño: as visitas guiadas á exposición “17 Escritores Galegos” e as rutas “Histórico Literarias” e “Coñece Monforte”.

Tanto as visitas á exposición como as rutas orientáronse a alumnado de primaria e secundaria, así como a público adulto en xeral, e foron organizadas e dirixidas polo traballador do Concello, Xosé Martínez.

Atendendo as peticións realizadas, leváronse a cabo dúas visitas á exposición e nove rutas guiadas, actividades nas que participaron grupos de alumnos/as do Colexio Escolapios, do CEIP Monforte, da Fundación Educativa Torre de Lemos, do Centro de Educación Especial Infanta Elena e do IES Río Cabe, ademais de persoas adultas do Banco de Tempo e da Biblioteca do CEIP A Gándara. En total, 282 persoas participaron nestas actividades.

A persoa responsable destas actividades realizou unha breve enquisa ós centros que tomaron parte nas mesmas, obtendo unha moi boa valoración. Tódolos centros valoraron positivamente a realización destas actividades por mor do Día das Letras Galegas e a idoneidade de continuar con elas en vindeiros anos. Tamén consideraron axeitada a época na que se desenvolven aínda que, en dous casos, propuxéronse como datas alternativas os meses de setembro e outubro e, nun caso, propúxose que se realicen un pouco antes xa que en maio coincide case con finais de curso.

Hai apreciacións positivas cara ás explicacións recibidas e tamén hai suxestións de que se fagan visitas organizadas ás Clarisas, a museos, pazos, ou mesmo rutas de carácter arqueolóxico. 

En termos xerais, a ruta resultou moi satisfactoria para 9 dos 10 colectivos participantes e mellorable para un deles.

Xosé Martínez, persoa que acompañou aos participantes nestas actividades, destaca a interacción e o papel activo deles en practicamente tódalas rutas, algo que se valora coma moi positivo.

As rutas con alumnado de primaria e secundaria e educación especial  partiron en tódalas ocasións dos propios centros de ensino, agás no caso do CEE Infanta Elena, e desenvolvéronse por lugares significativos da cidade do Cabe dende o punto de vista histórico, artístico e literario ao igual que as dúas rutas realizadas con adultos, en concreto co Banco de Tempo do Concello de Monforte de Lemos e coa Biblioteca do CEIP A Gándara.

23 de xuño de 2013 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.