Carballo sacará a concurso o subministro e mantemento do alumeado público por 12 anos e un importe de 11 millóns de euros

Os voceiros municipais estudaron a documentación do prego
A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza dos voceiros municipais na que se estudaron, coa axuda dos responsables da elaboración da documentación, os pregos técnicos e as cláusulas administrativas particulares para sacar a concurso o mantemento e subministro do alumeado público e a xestión enerxética do Concello de Carballo, exceptuando os edificios municipais. O obxectivo é acadar que a administración local poida aforrar preto de 150.000 euros ao ano na factura de subministro enerxético, mantemento, conservación e reposición das instalacións de alumeado. Coa aplicación dunha serie de medidas técnicas e de xestión enerxética, o custo anual sería de 830.000 euros durante a a vixencia do contrato, co que o importe total do contrato durante os doce anos previstos para a súa duración sería de preto de once millóns de euros. O contrato recolle, entre outras medidas, a substitución das aproximadamente 7.500 luminarias existentes no municipio na actualidade por luminarias LED reguladas, así como a renovación da instalación e a substitución dos cadros eléctricos. A xuntanza, de máis de dúas horas de duración, contou coa presenza, ademais dos técnicos municipais, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o Concelleiro de Servizos, Luís Lamas; o voceiro do PP, Alberto Sueiro; o voceiro de TEGA, Manuel Andrade; e o voceiro do PSOE, José Antonio Viña.











