Canarga Construcciones S.L. faise co contrato de pavimentación da pista O Chao – A Penamoura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A mesa de contratación constituída para adxudicar as obras de arranxo da pista que une os lugares da Penamoura e O Chao, en Naraío, reuniuse este mércores para abrir as propostas económicas achegadas polas empresas. En total presentaron ofertas 16 firmas. Porén, foi Canarga Construcciones S.L. quen se fixo co contrato, que se executará por un importe de case 15.000 euros.

Os pregos do proceso están dispoñibles no Perfil do contratante do Concello e neles especifícábase que o principal criterio de valoración sería o prezo, aínda que cumprindo sempre as características definidas polos técnicos municipais. Son 1,2 quilómetros de vía que se encontran en mal estado e nos que se van facer dous traballos: primeiro rebachear e despois botar unha nova capa de asfalto.

O prezo de licitación da obra era de 22.700 euros e presentáronse 16 empresas que rebaixaron esta cantidade unha media dun 25 por cento. Sen embargo, Canarga Construcciones S.L. foi aínda máis aló e fixo unha oferta para executar os traballos por 14.933 euros, case 7.800 euros por baixo do prezo de saída.

A estrada de Campolabrado -entre o Chao e a Penamoura- é unha das que máis tráfico soportan na parroquia de Naraío, xa que é o principal eixo de comunicación co centro urbano dos núcleos do Chao, o Pico e o Piñeiro.

26 de xuño de 2013 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.