Campaña de doazón de sangue
Mañá mércores ás 12.00h no Concello de Salvaterra de Miño, presentarase a campaña conxunta de doación que se vai levar a cabo entre a asociación de doantes e receptores de órganos de Vigo, (ADROVI), o centro de transfusión de Galicia e a Irmandade de doantes de Sangue de Vigo, que se desenrolará na Praza do Concello o próximo venres 14 de xuño, día mundial de doantes de sangue.
Contarase coa presencia dunha unidade móbil de doantes de sangue e unha mesa de captación de doantes de órganos.
Recordamos que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar o seu problema de saúde, e mesmo, salvar a vida. Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3 veces ao ano, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses.
A doazón de sangue en Galicia medrou moito nos últimos anos, pero tamén produciuse un gran crecemento da actividade asistencial hospitalaria que incidiu directamente no aumento das necesidades de sangue.
Cada día os hospitais galegos atenden unha media de 3.000 urxencias, realizan máis de 500 intervención cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.
Para acadar este obxectivo, cada día DEZ unidades móbiles do CTG percorren Galicia na procura da colaboración dos cidadáns nas campañas de doazón de sangue, desprazándose aos núcleos principais de poboación dos concellos, ás parroquias, barrios das grandes cidades, empresas, centros de ensino secundario, escolas e facultades universitarias,…
Tamén existe a posibilidade de doar sangue nos locais de atención ao doador existentes en: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As doacións no municipio creceron no 2012 con respecto ao ano anterior nun 14%.
Con respecto as tarxetas de doantes de órganos, a maio de 2013 no concello de Salvaterra hai un total de 205 tarxetas de doador de órganos realizadas pola Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde. Na mesma data o número na comunidade é de 89.929 tarxetas.











