Campamento “Rato-Gato”
Xa está aberto o prazo de inscrición para poder participar no Campamento Lúdico-Deportivo que o Concello de Cabanas, a través do seu programa de Servizos Sociais “Cabanas Concilia” e con financiamento da Deputación da Coruña, porá en marcha para este verán. Co nome de “Rato-Gato” proponse unha actividade para nenos e nenas con idades entre os 3 e 12 anos que se prolongará dende o 1 de xullo ata o 30 de agosto. O prazo de inscrición rematará o 27 de xuño.
O campamento terá como escenario o Apeadoiro de Cabanas, sendo á hora de inicio ás 10:00 da mañá e prolongándose ata as 14:00 horas. Neste tempo realizaranse diferentes actividades como obradoiros de artes plásticas e psicomotricidade. Os participantes tamén terán a opción de escoller se prefiren centrarse máis en actividades deportivas ou ben decantarse por aspectos culturais, sendo posible ir alternando entre ambas opcións.
Búscase con esta actividade facilitar ás familias unha ferramenta para a conciliación persoal, familiar e laboral, apostando pola educación en valores de solidariedade, respecto e traballo en equipo, deixando un espazo moi importante para a autonomía nas rutinas do día a día e o xogo libre.
Para formalizar a inscrición neste campamento, deberase cumprimentar debidamente a ficha de inscrición que se facilitará nas dependencias municipais, achegando ademais unha fotocopia do libro de familia e outra da tarxeta sanitaria. Aquelas persoas interesadas en recadar máis información sobre o campamento poderano facer ben no departamento de Cultura e Deporte do Concello de Cabanas ou nos Servizos Sociais, chamando ó 981 49 59 59.











