Cambre alberga este fin de semana un programa completo de entretemento, deporte, cultura e ocio
O Concello de Cambre alberga este fin de semana varios eventos de índole deportiva, cultural e de ocio que esperan a chegada de centos de persoas procedentes de toda a bisbarra.
Neste sentido, mañá sábado a Peña ciclista Monte Xalo organiza o 1º PASEO CICLISTA “SENDA DOMINGO MERO”, que consistirá nunha ruta ciclista popular, enfocada a que participen familias, e gocen da bicicleta nun ámbito natural como é o paseo fluvial do Río Mero. A saída terá lugar o día 8 de xuño de 2013 ás 17:00 horas, na porta do Concello de Cambre, a inscrición é gratuíta e cada participante pode achegar libremente un quilogramo de alimentos non perecedoiros, que serán doados á Despensa de Alimentos Municipal.
Por outro lado, o Sp Cambre organiza a Festa da Xente Nova que terá lugar no Campo da Feira, hoxe venres e mañá sábado. En principio os visitantes poderán gozar dunha churrascada, verbena, orquestra, sesión vermouth, unha exhibición canina, e xogos populares, ademais de sorteos e outros concursos.
Xa o domingo, terá lugar no mesmo lugar unha concentración de vehículos antigos. Trátase da CONCENTRACIÓN CORUÑA THE STYLE OUTLETS DE VEHÍCULOS CLÁSICOS “CIDADE DE CRISTAL” -V EDICIÓN – RUTA TURÍSTICA DOMINGO ROMÁNICO. A partir das 11.30 horas concentraranse os coches no campo da feira.
Ademais, este venres a ESCOLA DE MÚSICA SEMENTEIRA DE CAMBRE presenta unha Nova DISCIPLINA denominada “MÚSICA EN FAMILIA”, para nenos de 1, 2 e 3 anos. A demostración terá lugar hoxe venres 7 DE XUÑO, no salón da Escola Sementeira ás 17 h con nenos de 1 e 2 anos e ás 18 h con nenos de 3 anos.











