Caión, na Laracha, acollerá o sábado o Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo Xuvenil e Junior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo das categorías xuvenil e junior celebrarase durante a xornada deste sábado, día 22 de xuño, na praia de Caión. O areal larachés acollerá está importante cita, que é organizada polo Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) coa colaboración do Concello da Laracha, a Fundación Deporte Galego –dependente da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia- e a Deputación Provincial da Coruña e co patrocinio de Supermercados Gadis e Coca-Cola.

No evento participarán uns douscentos deportistas de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos. Representarán a oito clubs procedentes de diversos puntos da xeografía galega como son, ademais do SAL, o Sysca de Carballo, Club Natación Cerceda, Salvar de Arteixo, SASA de Sada, PC Salvamento Sanxenxo, SAPO de Pontevedra e Club Acuático Umia.

O evento principiará ás 9.00 horas do sábado cos exercicios de quecemento dos participantes. O inicio da competición está programado para as 10.00 horas. Durante toda a xornada realizaranse as probas das diferentes disciplinas que son tres na modalidade individual (bandeira; correr, nadar, correr; e carreira con táboa), unha por parellas (rescate con táboa) e unha por equipos de catro integrantes (salvamento con tubo de rescate).

A cita da praia de Caión decidirá os campións galegos xuvenil e junior deste ano en cada unha das modalidades.

Varios dos deportistas que compiten co club SAL teñen opcións reais de alcanzar importantes éxitos neste torneo, un dos primeiros que se celebra da campaña de verán desde ano. Cabe lembrar que na de inverno os nadadores laracheses do SAL acadaron tres terceiros postos nos campionatos de España. 

19 de xuño de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.