Branca Novoneyra e Márcio-André poñen o broche de ouro ao ciclo Poetas Di(n)versos
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que mañá, luns 3 de xuño, o Centro Ágora acolle ás 20.30 horas o último recital do curso do ciclo Poetas Di(n)versos, no que participarán os autores Branca Novoneyra e Márcio-André. Como de costume, a entrada é libre.
A coidada programación poética da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, única en España que conta con poetas estranxeiros/ás de xeito regular, interromperá de novo a súa actividade durante o verán, para regresar despois con novos recitais de poesía. Pero, antes diso, o peche á cuarta edición deste ciclo virá da man de dúas propostas vinculadas ao mundo do espectáculo, do son, do movemento e da escena e a cita reunirá, unha vez máis, unha voz en galego e outra internacional. En concreto, Branca Novoneyra unirase ao brasileiro Márcio-André ante un público, previsiblemente, tan nutrido como de costume.
Se o latinoamericano adoita apoiar a súa obra poética na música, nos efectos sonoros e na performance; a lucense, que dende hai anos reside en Compostela, baila os seus propios poemas. A poesía transcende o texto nunha xornada aberta e gratuíta que poñerá broche de ouro ao ciclo dirixido pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño.
Tanto Márcio-André coma Branca Novoneyra naceron no ano 1978 e publicaron dous libros de poesía, pero ambos os dous levan anos levando o seu traballo á escena e mesturándoo con outras linguaxes en países de Europa e América. Ela naceu en Lugo e el en Río de Janeiro e, mentres que el tamén se desempeña como artista sonoro e visual, ela dedícase á danza contemporánea como intérprete, coreógrafa, docente e investigadora. Creadores inquedos os dous, Márcio-André vin de dirixir o filme Artaud en Compostela, estreado hai menos dun mes en Santiago, mentres que Novoneyra coordina na mesma cidade, xunto á tamén poeta Olalla Cocina, o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Dúas voces que fan dialogar o verso con outros recursos expresivos para levalo aos escenarios en espectáculos integrais, multidisciplinares e de gran riqueza sensorial.











