Bombeiros, Policía e Protección Civil reuniranse no prazo dunha semana para seguir coordinando a súa acción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, convocará para a vindeira semana unha reunión á que asistirán os responsables da subsede do Consorcio Comarcal de Bombeiros, da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, ademais do xerente do propio consorcio e o concelleiro delegado de Seguridade Cidadá. A xuntanza ten por obxecto aclarar todas as cuestións planteadas no pleno de onte e seguir avanzando na necesaria coordinación entre todos os axentes que participan na protección e seguridade dos veciños.

Ao alcalde, como ao goberno, extrañoulle a presenza onte no pleno dos representantes dos bombeiros, posto que nin o propio xerente do consorcio tiña coñecemento desas queixas, nin estas chegaran ao pleno da entidade, nin tampouco o alcalde, como membro nato da mesma, as coñecía. Con todo, é intención do goberno local seguir traballando pola coordinación, como xa o ven facendo dende xuño de 2011. Proba diso e que onte, tras concluír o pleno, Tomás Fole xa mantivo un primeiro contacto co xerente e hoxe, xunto co concelleiro e o responsable técnico do servizo, analizou a documentación presentada onte polos bombeiros.

Da análise desa documentación despréndese que, salvo nalgún caso puntual, no que o aviso foi dado pola policía local, na maioría dos planteados polos bombeiros foron particulares os que chamaron ao 112, e e ningún caso houbo problemas de coordinación na solución da emerxencia. Da mesma documentación dedúcese que foi ese centro de coordinación, o 112, quen tomou a decisión de non avisar aos bombeiros, de acordo cos seus protocolos de actuación, nos que nin o Concello, nin o goberno local, ni o servizo municipal de emerxencias teñen posibilidade algunha de intervir. De igual xeito, tamén se pode comprobar que o servizo municipal de emerxencias da sempre conta ao 112 de calquera incidencia comunicada previamente pola policía local, particulares, etcétera.

O goberno local reitera, por último, que non houbo, nin hai, nin haberá a máis mínima intención de menoscabar a labor dos bombeiros, aos que se recoñece a súa labor de coordinación naquelas actuacións que prevé a Lei de Emerxencias de Galicia. Cabe lembrar, neste sentido, que esa normativa prevé que o mando directo dunha intervención recaerá no corpo que ostente as competencias segundo o tipo de emerxencia de que se trate: os incendios urbanos aos bombeiros; as urxencias sanitarias ao 061; os incendios forestais ao distrito forestal, etcétera. Os servizos municipais actúan sempre baixo esas premisas.

27 de xuño de 2013 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.