Boiro comprometido co medio ambiente
A semana pasada remataron o ciclo de charlas medioambientais impartidas nos centros educativos de Boiro a cargo dos axentes forestais do Distrito IV de Noia.
A Consellería de Medio Rural ofertou ao Concello de Boiro unhas sesións de sensibilización medioambiental coa finalidade de acercar a biodiversidade dos bosques do Barbanza e dar a coñecer a existencia de especies ameazadas aos distintos niveis educativos.
Os axentes forestais tiveron que adaptarse ás distintas idades do alumnado; así os máis pequenos puideron adentrarse no bosque a través dos ollos de “teixugiño” e coñecer as distintas especies de flora e fauna que habitan na zona.
Os maiores aprenderon todo acerca da Píllara das dunas de Boiro; onde habita, que come, cales son os seus perigos. Agora xa saben que na Praia de Barraña poden ver pasear a esta ave e que na de Carragueiros algún ano puxeron ovos, polo que a partir de agora irán co seu can ben suxeito para que non estrague ningún.
Nestas charlas as que asistiron 1.600 rapaces en todo o Barbanza, Boiro foi o Concello con máis participación beneficiándose un total de 836 alumnos, o Colexio Santa María do Castro foi o último dos 7 centros participantes boirenses.











