Boa resposta ás actividades do Programa Deportivo de Verán
As inscricións no Programa Deportivo de Verán, organizado polas concellerías de Deportes e Benestar Social, marchan a bo ritmo, tendo xa cubertas a totalidade das prazas ofertadas nalgunhas actividades.
O Campamento de Verán completou as prazas dispoñibles na quenda da primeira quincena do mes de xullo (125), mentres que para a segunda quincena xa se cubriron 75 prazas das 125 ofertadas.
O VII Campus de Fútbol Cidade de Monforte, dirixido polo Real Club Celta de Vigo, tamén esgotou as cen prazas que ofrecía.
En canto ó Campamento Lúdico Infantil, que conta con 40 prazas en cada unha das súas quendas, recibiu a inscrición de 16 pequenos/as na primeira quincena de xullo e de 11 na segunda.
O Campus de Baloncesto, cunha oferta de 50 prazas, conta con 20 inscricións.
O Curso de Patinaxe, con 45 prazas, xa rexistrou a inscrición de 20 participantes, mentres que o Curso de Tenis conta con 5 inscritos en cada unha das quendas de xullo e agosto.
O amplo e variado programa de actividades de carácter lúdico e deportivo que pon en marcha o concello de Monforte durante os meses de xullo e agosto está contando cunha boa acollida. Un dos obxectivos primordiais que persegue o Programa Deportivo de Verán é contribuír á conciliación da vida laboral e familiar durante o período de vacacións dos máis pequenos.
As persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán inscribirse na Oficina Municipal de Deportes, situada nas Casiñas da Compañía.











