Benestar Social do Carballiño presentou o programa Verán Divertido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalO Carballiño
A-
A+

A edil de Benestar Purificación Alberte presentou o programa a desenvolver durante os meses de Xullo e Agosto no Carballiño, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Neste programa combináronse actividades educativas e de ocio. As actividades serán as seguintes:

Talleres de educación vial, para ensinar os nenos a comportarse como peóns e como condutores, sobre todo de bicicletas. Para esta actividade usarase material audiovisual, así como maquetas e un circuíto urbano programado dende a xefatura provincial de tráfico e a policía local.

Talleres de manualidades onde realizarán diferentes traballos como puzles, instrumentos musicais, adornos e complementos, a través dos cales poderán aprender actitudes tan importantes como o bo uso dos colectores, e os posibles materiais para reciclar fomentando desta forma un comportamento cívico entre os pequenos.

Outra das actividades serán os xogos populares, como a galiña cega, o truco, ou as chapas. Tamén están programadas sesións de cine e talleres de pintura, e un novidoso taller de cociña para realizar receitas sinxelas. Todos os talleres estarán complementados con actividades diarias de psicomotricidade e baile, así como charlas puntuais e varias saídas lúdicas a distintos lugares da vila.

Neste verán divertido da área de Benestar participarán un total de 50 nenos.

Por outro lado Purificación Alberte repasou as actividades desenvolvidas durante o pasado outono e inverno, dirixidas todas elas aos maiores. Actividades como os programas de hábitos saudables nos centros educativos, así como o programa de prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero e os talleres de afectividade. Todas estas actividades dirixidas aos alumnos dos institutos e colexios da vila.

Para os maiores de 65 anos realizáronse talleres de estimulación cognitiva, ximnasia de mantemento, cursos de natación e aquagym, así como exercicios dirixidos no parque biosaludble. En todas estas actividades participaron máis de 200 persoas.

25 de xuño de 2013 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.