Benestar Social clausura este ano os seus talleres comunitarios ampliando aos maiores o ciclo “Coñecendo as túas institucións”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social celebrará este venres, 28 de xuño, a clausura das actividades sociocomunitarias do curso 2012- 2013. Farao invitando os veciños/ás que participaron nos talleres a un particular visita guiada por distintos equipamentos municipais que concluirá cunha merenda no Centro de Recepción de Visitantes.

O departamento municipal aproveitará a xornada lúdica, coa que se pon punto e final a este curso, para estender o programa “Coñece as túas institucións” aos usuarios dos talleres e cursos que a casa do concello impulsa na rede de centros sociais. Deste modo, cumprirase un dos obxectivos marcados ao inicio do proxecto, ideado orixinariamente para os escolares do municipio.

Un bus conducirá ao alumnado que decida sumarse a esta iniciativa, anotandose no centro social de Ortigueira (tlf. 981402542) dende as súas respectivas parroquias ata o núcleo urbano de Ortigueira onde, ademais de coñecer a fondo as instalacións da Casa Consistorial, visitarán equipamentos culturais e turísticos como a Biblioteca municipal Juan Fernández Latorre ou o Museo Ortegalia.

Tras o itinerario, e como vén sendo tradicional, desenvolverase no Centro de Recepción de Visitantes o encontro co alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e os profesionais encargados de impartir durante o ano as actividades municipais (talleres de memoria, ximnasia de mantemento e informática).

25 de xuño de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.