Benestar pide que os excedentes da horta no verán se entreguen ó Banco Veciñal de Alimentos de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Banco Veciñal de Alimentos de Teo (BVA) funciona grazas a colaboración desinteresada de quince voluntarios/as e de varias empresas locais dende hai varios meses. Unha das súas peculiaridades é que nas entregas semanais que realizan poden incluír alimentos frescos, o que os diferencia doutros bancos de alimentos que principalmente fan entrega de alimentos secos ou non perecedeiros. Actualmente atende a dez familias de xeito estable cun reparto semanal.

Dende o Departamento de Benestar municipal e dende o BVA faise un chamamento a aquelas persoas que teñan horta ou cultiven en Teo. Segundo destaca o edil Ignacio Iglesias “normalmente a xente que ten horta sabe que hai uns momentos no que existe excedente de produto que en ocasións se acaba estropeando ou tirando”. Dende o Concello anímase a que ese excedente se poida canalizar a través do Banco Veciñal.

As persoas interesadas en colaborar poden facelo chamando ó teléfono 981 809 707 ou enviando un correo electrónico a servizossociais@concellodeteo.com. O concelleiro explica que en Teo “hai moitas persoas que xa fan ese reparto de excendente dun xeito natural entre a súa rede máis próxima, mais se aínda queda produto queremos que poida chegar ás persoas que o precisan”. Dende o Banco explican que é precisamente ese produto fresco e alimentos con proteína os elementos máis difíciles de conseguir.

Dende o Concello tamén se quere facer un chamamento a facerse voluntario no verán enfocado “a persoas que estean estudando e teñan este meses de verán libre que poden estar interesadas en colaborar con algún dos programas que están funcionando, banco de alimentos, roupeiro municipal ou voluntariado de acompañamento” explica o edil de Benestar. O teléfono de contacto é tamén o 981 809 707.

Actualmente tanto o BVA de Teo coma o roupeiro contan coa colaboración de 15 voluntarios cada un. O concelleiro destaca “que se ten detectado que estas persoas non poderán continuar todo o verán de xeito estable e resulta moi interesante a colaboración puntual que poidan chegar doutro tipo de poboación máis nova”.

28 de xuño de 2013 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.